Máis de 2.000 civís palestinos asasinados polos bombardeos israelitas na última semana

Os continuos bombardeos áreos do Estado de Israel sobre Palestina elevan as vítimas mortais a 2.390 persoas na última semana. A práctica totalidade dos asasinados son civís residentes na faixa de Gaza.

mortos palestinas
photo_camera Familiares cargan co corpo de tres persoas asasinadas pola aviación de Israel. (Foto: WAFA).

O ministro de Saúde palestino, Ashraf Al-Qudra, sinalou aos xornalistas da canle Al Mayadeen que “nas últimas 24 horas as cifras de mortes alcanzaron as 300 persoas”, sendo “cada vez son máis brutais as incursións do réxime sionista”.

“Limpeza étnica”

Ashraf Al-Qudra cifrou en 9.042 as persoas feridas nesta semana. Ao tempo, asegurou que “Israel protagoniza unha limpeza étnica nos territorios palestinos co obxectivo de ocupar novos territorios con colonos”.

A máxima autoridade sanitaria palestina indicou que o cese dos traballos por parte da Axencia da ONU para os Refuxiados Palestinos (UNRWA) e a evacuación dos seus centros, privou de servizos sanitarios a 70% da poboación das zonas asediadas.

O recorte na axuda internacional está a dificultar a atención ás vítimas. A este respecto, o supervisor do hospital Mártires Al-Aqsa, Khalil Al-Dakran, denunciou o feche dalgúns centros de auxilio por falta de combustíbel e prognosticou unha posíbel catástrofe sanitaria.

Médicos Sen Fronteiras

A organización humanitaria Médicos Sen Fronteiras denunciou que as autoridades israelitas están a converter ao conxunto dos sanitarios en obxectivos militares.

A ONG  remarcou a imposibilidade de evacuar aos residentes do norte de Gaza como esixiu o exército de Israel.

A entidade considera que “esa petición equivale a un desprazamento forzado e viola o dereito internacional”.

Comentarios