Liberada Ana Baneira, a coruñesa encarcerada en Irán

A moza de 24 anos fora detida en novembro após participar nas mobilizacións cidadás pola morte de Masha Amini.
Protestas no Irán (Foto: Aapimage / DPA).
photo_camera Protestas no Irán (Foto: Aapimage / DPA).

A activista coruñesa Ana Baneira, membro dunha ONG de defensa dos dereitos humanos e encarcerada en Irán desde principios de novembro despois de ser detida no marco das protestas contra o réxime por mor da morte baixo custodia de Masha Amini, foi liberada, segundo confirmaron fontes diplomáticas. 

A liberación de Baneira produciuse este sábado e esta atópase xa voando de regreso , vía Dubai, precisaron as fontes. A súa chegada a Madrid está prevista para primeira hora desta tarde.

Tras a súa liberación, a moza activista, de 24 anos, conversou telefonicamente co ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, a quen trasladou o seu agradecemento polas xestións realizadas para conseguir a súa posta en liberdade e indicoulle que se atopa en bo estado despois destes meses baixo custodia.

 

O arresto de Baneira coñeceuse a principios de novembro no marco das protestas en todo o país por mor da morte da moza kurda Masha Amini en setembro mentres estaba detida por presuntamente levar mal posto o velo. En ningún momento transcenderon os motivos nin as circunstancias exactas do seu arresto.

Coa súa saída de prisión, en Irán aínda queda detido o madrileño Santiago Sánchez Cogedor. Este foi arrestado a principios de outubro cando se dirixía a pé a Qatar para ver o Mundial de Fútbol precisamente despois visitar a tumba de Amini.

A noticia da detención de Baneira provocou múltiples reaccións da sociedade galega, que demanda a súa liberación. A corporación municipal do Concello da Coruña aprobou, por unanimidade, unha moción urxente na que instaba o Ministerio de Exteriores a realizar "todas as xestións oportunas" para conseguir a súa liberación e trasladar o seu "apoio" a familiares e amizades. 

Tamén a Universidade da Coruña (UDC) e mais o Consello Social exixiron a liberación de Ana Baneira, así como forzas políticas como BNG, PP e PSdeG.

Comentarios