Irán estuda fechar o paso dos buques de Estados da UE polo estreito de Ormuz

Polo estreito pasa arredor dunha quinta parte do petróleo mundial e unha terza parte do transportado por mar.
Localización xeográfica do estreito de Ormuz.
photo_camera Localización xeográfica do estreito de Ormuz.

"O feche do estreito de Ormuz [aos barcos dos membros da Unión Europea] está na axenda", confirmou esta segunda feira Mohamad Hasan Asfari, vicepresidente do comité para Asuntos Interiores do lexislativo iraniano.

Hasan insistiu en que se o Parlamento da Unión Europea (UE) optaba por declarar como terrorista a Garda Revolucionaria -unha das pólas das súas Forzas Armadas- unha das opcións sobre a mesa "é a limitación do tráfico de buques comerciais" de Bruxelas por medio "dun plan urxente" na Asemblea Consultiva Islámica. O estreito de Ormuz é de vital importancia para a subministración enerxética mundial.

Por el pasa arredor dunha quinta parte do petróleo mundial e unha terza parte do transportado por mar. Amais, é un paso chave para a saída dos produtos de varios membros da Organización de Países Exportadores de Petróleo e do gas natural de Catar, co que Berlín asinou un contrato para que aumente os envíos de gas e substituír parcialmente o que proviña de Rusia antes da invasión en Ucraína.

Finalmente, esta segunda feira e despois das palabras do Goberno iraniano, a decisión adoptada pola UE para impulsar unha nova rolda de sancións pola represión das protestas a raíz da morte da kurda Masha Amini excluíu a Garda Revolucionaria e sancionou outras entidades, ademais do ministro de Deporte e Mocidade, Hamid Sajjadi, ao que acusa da persecución de deportistas. Tamén recibiron sancións unilaterais varias empresas tecnolóxicas.

O Alto Representante da UE para Política Exterior, Josep Borrell, aseverou que para declarar como terrorista a Garda Revolucionaria "precísase primeiro da decisión dun Tribunal".

En referencia ás protestas no país, especialmente no Kurdistán e en Baluchistán, que piden a fin das políticas restritivas coas mulleres e da República Islámica, a Organización das Nacións Unidas cifra en 574 as mortes até o de agora no contexto das mobilizacións.

Comentarios