Kíiv recoñece que 19 militares faleceron durante un ataque ruso nunha cerimonia de premios

As tropas rusas intentan cercar Avdivka, na rexión de Donetsk.
O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, a finais de outubro. (Foto: Presidencia de Ucraína / Europa Press / Contacto)
photo_camera O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, a finais de outubro. (Foto: Presidencia de Ucraína / Europa Press / Contacto)

Unha brigada ucraína admitiu hoxe que 19 militares morreron a pasada sexta feira ao impactar un mísil ruso nunha cerimonia para entregar premios ás tropas na rexión de Zaporijia, a 16 km da liña da fronte. Así e todo, os medios locais apuntan que máis de 20 militares terían falecido. Yuriy Malashko, gobernador da área do oblast controlada polo Exército ucraíno, engadiu que nove civís resultaron feridos.

Horas antes, e sen revelar o número de decesos, o presidente ucraíno, Volodimir Zelenski comunicou que se abriu unha investigación criminal para descubrir a “verdade completa” sobre o acontecido, insistindo en que “é unha traxedia que podía terse evitado”.

O ataque produciuse no medio do aumento das diverxencias na cúpula ucraína, logo de que o líder das Forzas Armadas, Valeri Zaluzhni, confesara que tiñan poucas opcións de avanzar na fronte, recoñecendo implicitamente o fracaso da contraofensiva ucraína que comezou en xuño, nuns comentarios rapidamente desautorizados por Zelenski. Os últimos avances foron logrados polos militares rusos, que tratan de cercar Avdivka, en Donetsk.

Comentarios