Karki toma posesión como primeira ministra provisoria do Nepal
Sushila Karki, a primeira muller que presidiu o Tribunal Supremo do Nepal, converteuse a sexta feira na primeira muller en encabezar o Goberno nepalí, despois de xurar como primeira ministra provisoria fronte ao presidente Ram Chandra Paudel, cun mandato para organizar novas eleccións en seis meses, máis dun ano antes de cando estaban programadas inicialmente.
Ademais, Paudel, cuxo cargo é de carácter cerimonial, aceptou disolver a Cámara de Representantes, que funciona como Cámara Baixa do Parlamento Federal, logo das negociacións con Ashok Raj Sigdel, o xefe do Estado Maior das Forzas Armadas, que frearon os disturbios ao asumir o control da seguridade, e representantes das denominadas protestas da ‘xeración Z’.
Foron precisamente os grupos da mocidade que impulsaron as mobilizacións orixinais os que pactaron o nome de Karki, cuxa honestidade consideran probada tras o seu paso polo sistema xudicial nepalés.
Nese sentido, case todas as formacións políticas apoiaron a súa elección, mais rexeitaron a disolución do lexislativo.
O que non está en cuestión é a Constitución republicana e federal, no medio dos intentos dos monárquicos de instrumentalizar as protestas. A mocidade pediu apenas modificacións, e 65 organizacións profesionais alertaran de que un Executivo sen base constitucional non tería lexitimidade.
Aínda que o nomeamento de Karki non cumpre cos preceptos da Carta Magna, Paudel usou unha interpretación do artigo 61, que lle outorga facultades extraordinarias en situacións excepcionais, para xustificalo.
Asemade, a Policía informou de que até 51 persoas morreron na represión –arredor dunha vintena– e nos disturbios posteriores, dos que os grupos xuvenís se desvinculan, que levaron á dimisión do comunista K. P. Sharma Oli como primeiro ministro.
