Israel invade Deir al Balah para dividir a Faixa de Gaza en dúas partes
A ONU alerta sobre o colapso dos servizos esenciais.
A invasión militar israelí contra a Faixa de Gaza entrou na segunda feira nunha nova fase co comezo da invasión terrestre da cidade de Deir al Balah, emprazada no centro do enclave. A operación significa a apertura da primeira fronte de combate cara a costa co obxectivo de dividir en dúas partes o territorio gazatí.
Deir al Balah convertérase, durante estes case dous anos de ofensiva israelí, nun punto neurálxico de desprazados forzados, ademais dun importante centro de operacións para moitas organizacións internacionais. Até esta segunda feira, a ofensiva israelí cara o oeste da Faixa de Gaza deixaba unha zona continua na costa que non fora sometida a ordes de evacuación, mais a operación contra Deir al Balah supón a aparición da primeira zona de combate até a costa, provocando unha maior fragmentación do territorio.
As Forzas de Defensa de Israel avanzaron o domingo a súa intención de conquistar Deir al Balah, chamando á poboación e ás organización internacionais presentes na cidade a evacuala. Unha vez coñecida a demanda do exército sionista ao redor de 1.000 familias residentes nesta localidade do centro da Faixa da Gaza abandonárona, ficando no emprazamento unha cifra próxima a 30.000 persoas, parte das cales chegaron alí desprazados doutros puntos do país.
A operación terrestre contra Deir al Balah iniciada na mañá da segunda feira veu acompaña de intensos bombardeos aéreos que ao feche desta edición se cobraran a vida dun mínimo de sete persoas.
Denuncia da ONU
A Oficina da ONU para a Coordinación de Asuntos Humanitarios denunciou que esta operación deixa "2,1 millóns de civís apertados nun fragmentado 12% da Faixa, no que os servizos esenciais colapsaron". Neste contexto, 25 Estados reclamaron o fin inmediato da guerra e condenaron "o asasinato inhumano de civís" nos puntos de reparto da axuda humanitaria.
