Opinión

Israel, sen razón, sen perdón e sen futuro

Dende o xenocidio hitleriano da Segunda Guerra Mundial tense magnificado a traxedia semita en detrimento doutras similares ou incluso máis graves, como o intento nazi de exterminio dos pobos eslavos, destacando o caso ruso-soviético, con ducias de millóns de mortos. Porén, a instrumentalización da traxedia xudía polas elites anglosaxoas serviu para sentar as bases dun novo exterminio étnico, igual de brutal, criminal e sistemático que o hitleriano. Iso foi o que se conseguiu coa creación do Estado de Israel: un enclave artificial que se foi expandindo (por medio da chegada masiva de colonos xudeus doutras partes do mundo), espoliando terras aos seus lexítimos propietarios e exterminando ou desprazando de forma sistemática a poboación árabe-palestina que habitaba ese lugar dende tempos inmemoriais. Enclave, non se pode chamar doutro xeito unha zona-xendarme occidental hiper-armada dedicada a manter o statu quo neocolonial no Oriente Próximo negando os dereitos da preexistente nación palestina.

Dende aquela fatídica decisión da ONU de 1947 o flamante Estado de Israel dedicouse a practicar o terrorismo máis desapiadado coa poboación civil árabe e unha política racista de apartheid que dura ata os nosos días. O enclave neocolonial israelí sempre tivo patente de corso para cometer todo tipo de crimes desprezando as innumerábeis resolucións de condena da ONU (ata 26) sabendo que contaba co apoio incondicional dos seus poderosos protectores: as elites do núcleo reitor do imperialismo occidental. Por todas esas razóns, Israel é un estado profundamente ilexítimo, tanto dende o punto de vista humanitario como do dereito internacional máis elemental. Calquera autoridade moral que puidesen ter os xudeus-sionistas como vítimas do masacre nazi perdérona con creces ao longo das últimas sete décadas de crimes e ignominia contra o pobo palestino e o desprezo do dereito internacional.

Resulta irónico que a expresión "banalidade do mal", acuñada pola filósofa xudía-alemá Hannah Arendt para referirse ao insensíbel exterminio nazi –exercido de forma sistemática, sen ningunha compaixón ou remorsos morais contra as "razas inferiores", en beneficio da nación aria alemá– se poida aplicar nos mesmos termos á ideoloxía sionista e ao Estado de Israel como máquina de exterminio dos "animais" palestinos, segundo a súa propia e inicua expresión. Para os dirixentes israelís e unha parte considerábel da poboación xudeu-sionista as ducias de miles de vítimas civís de Gaza (incluídos nenos, nais, xornalistas, médicos, escolas e hospitais) son consideradas (sen ningunha compaixón ou consideración moral) necesarias para a "seguridade" do Estado de Israel. A "raza inferior" árabe-palestina carece de dereitos e a súa eventual aniquilación non representa ningún problema moral para o gran Estado sionista e os seus protectores occidentais.

Pero, como dicía Steinbeck: "Como se pode asustar un home que non só carga coa fame do seu corpo, senón tamén coa dos seus fillos? Non se pode atemorizar a ninguén que coñeceu un medo superior a calquera outro". Esa é Palestina, por iso Israel nunca gañará a guerra.

Comentarios