A familia da xornalista asasinada por Israel exixe "xustiza" a Estados Unidos

A ONU afirmou a finais de xuño que a súa investigación confirmaba que foi Israel quen asasinou a xornalista palestina.
Unha muller palestina sostén unha fotografía da xornalista Shireen Abu Akleh nunha protesta. (Foto: Ricardo Rubio/Europa Press)
photo_camera Unha muller palestina sostén unha fotografía da xornalista Shireen Abu Akleh nunha protesta. (Foto: Ricardo Rubio/Europa Press)

Familiares da xornalista palestina de Al Jazeera Shireen Abu Akleh, asasinada por un soldado israelí durante unha operación do exército de Israel contra a poboación de Yenín, en Cisxordania, reuniuse esta terza feira co secretario de Estado dos EUA, Anthony Blinken, para exixir "xustiza" e unha "resposta significativa" polo asasinato da correspondente, que tiña a nacionalidade estadounidense.

En concreto, a sobriña de Abu Akleh, Lina Abu Akleh, explicou que Blinken, "se ben formulou algúns sobre o asasinato de Shireen, aínda se agarda que a Administración responda de forma significativa aos chamamentos de xustiza".

"Blinken díxonos que ten o deber de protexer todos os cidadáns estadounidenses. Faremos que o cumpra. Nada por debaixo dunha investigación estadounidense que leve a unha rendición de contas real é aceptábel e non pararemos até que ningunha outra familia estadounidense ou palestina teña que sufrir a mesma dor que nós", afirmou a través de Twitter.

A correspondente foi asasinada o pasado 11 de maio. Abu Akleh, que ía debidamente identificada cun casco e un chaleco coa palabra "Press" ("Prensa" en inglés), foi abatida por un soldado israelí dun disparo na cabeza.

Resposta de Blinken

Pola súa parte, Blinken destacou que "o intrépido xornalismo" de Abu Akleh "fíxolle gañarse o respecto das audiencias de todo o mundo". "Expresei os meus máis profundas condolencias e o compromiso de buscar a rendición de contas pola súa tráxica morte", engadiu.

O pasado 24 de xuño, a Oficina da ONU para os Dereitos Humanos fixo público un informe que recolle que, tras analizar "todas as informacións recompiladas" por investigadores independentes, as evidencias confirman que Israel foi quen asasinou a xornalista de Al Jazeera.

A portavoz da oficina da ONU Ravina Shamdasani constatou que "os disparos non chegaron de palestinos armados, como defenderon inicialmente as autoridades israelís", e definiu como "alarmante" o feito de que as autoridades de Israel non iniciaran despois de case dous meses unha investigación criminal sobre o asasinato.

Para elaborar o informe, os investigadores recolleron as versións das forzas armadas israelís e da Fiscalía Xeral de Palestina. Segundo os testemuños de ambas partes, non existía actividade armada por parte de grupos palestinos no momento do asasinato.

Comentarios