Acusan Israel de matar unha xornalista catarí en Palestina

Ademais da morte da xonalista de Al Jazeera, Shireen Abu Akleh, en Xinin, un mozo palestino de 18 anos tamén foi vítima das balas nos arredores de Ramala. Siria tamén denunciou un ataque aéreo israelita no Alto do Golán.
(Foto: Mohammed Talatene / dpa)
photo_camera Unha protesta decorrida esta cuarta feira contra o asasinato da profesional. (Foto: Mohammed Talatene / dpa)

Al Jazeera acusou as forzas de Israel de asasinar cun disparo na cabeza unha das súas xornalistas, Shireen Abu Akleh, mentres traballaba na cidade palestina de Xinin, en Cisxordania, informou esta cuarta feira o medio.

Así mesmo, o medio catarí detallou que outro xornalista, un cidadán palestino chamado Ali Samoudi que traballa para o xornal Quds, con sede en Xerusalén, tamén recibiu un disparo nas costas. O seu estado de saúde é estábel.

Ao parecer, Abu Akleh foi asasinada mentres cubría unha redada israelita en Xinin. Aínda que os detalles aínda non están claros, a súa compañeira Nida Ibrahim asegurou que os vídeos do incidente mostran que a reporteira recibiu un disparo.

"O que sabemos por agora é que o Ministerio de Saúde palestino anunciou a súa morte", explicou Ibrahim. "Foi alcanzada por unha bala na cabeza", engadiu. Segundo as autoridades de Catar, a reporteira levaba un chaleco de prensa, coa palabra visíbel, cando foi alcanzada polo fogo israelita.

Outro cidadán palestino morre a mans de Israel

Un mozo palestino de 18 anos morreu esta cuarta feira tras ser tiroteado polas forzas israelitas nos arredores da cidade cisxordana de Ramala, segundo denunciaron as autoridades palestinas. O Ministerio de Sanidade palestino indicou que Zayer Jalil Yazuri recibiu un disparo no corazón. Israel non se pronunciou ao respecto.

Siria denuncia ataques israelitas no Alto do Golán

Por outra parte, as autoridades de Siria denunciaron un ataque aéreo suntuosamente executado por avións israelitas contra a localidade de Hadar, na provincia de Quneitra, sen que até agora se reportasen informacións sobre vítimas.

O Observatorio Sirio para os Dereitos Humanos sinalou que se trata do undécimo ataque aéreo israelita no que vai de ano. O último tivo lugar o 26 de abril, cando Siria denunciou a morte de polo menos catro soldados nun bombardeo contra a provincia de Damasco.

As Forzas de Defensa de Israel (FDI) anunciaron esta semana unha serie de adestramentos de tropas, os máis amplos en décadas. "Soldados de todas as partes das FDI adestrarán xuntos durante o próximo mes", anunciaron as forzas israelitas.

Comentarios