Islandia declara o estado de emerxencia por risco de erupción volcánica tras rexistrar máis de mil terremotos nun só día

As autoridades evacuaron o municipio de Grindavík, onde viven case 4.000 habitantes, debido ao risco sísmico

VOLCÁN ISLANDIA
photo_camera O volcán Fagradalsfjall, nunha fotografía de arquivo (Foto: Europa Press)

As autoridades de Protección Civil de Islandia declararon o estado de emerxencia tras unha serie de máis de mil terremotos rexistrados nas últimas vinte e catro horas no suroeste do país -o maior dos cales foi de magnitude 5,2 na escala de Richter-. que os sismólogos temen fai presaxiar unha inminente erupción volcánica.

Rexistráronse "cambios significativos" na acumulación de magma subterráneo perto do lugar de Grindavík, onde viven case catro mil habitantes, segundo a Oficina Meteorolóxica de Islandia (IMO). En consecuencia, a policía local e a autoridade de Protección Civil decidiron desaloxar o municipio, pechar todas as vías de acceso e declarar o estado de emerxencia no país.

"Neste momento, non é posíbel determinar exactamente se o magma pode chegar á superficie e onde. Hai indicios de que unha cantidade considerábel de magma se está movendo nunha zona que se estende desde Sundhnjukagigum, no norte, até Grindavík", dixo a OMI nun comunicado.

"A cantidade de magma implicada é significativamente maior que a observada nas erupcións máis grandes do [volcán] Fagradalsfjall. [...] Recopilamos máis datos para calcular modelos que nos dean unha imaxe máis precisa da intrusión de magma”, explicou.

Miles de pequenos terremotos comezaron a sacudir a península de Reykjanes, onde se atopa o volcán, a finais do mes pasado, e desde entón rexistráronse máis de 24.000.

O volcán atópase a uns 40 quilómetros da capital, Reikiavik, e entrou en erupción por última vez en 2021. Onte pechou a popular piscina xeotérmica Blue Lagoon, un dos principais atractivos turísticos do país, debido ao risco sísmico.

Comentarios