"Islam, primeiro"; mulleres cultas, despois

As afgás deberán agardar a que se cree un "ambiente islámico" para poder estudar ou ensinar, segundo o novo reitor da Universidade de Kabul. Por outra banda, o novo fiscal da Haia anunciou que non investigaría os supostos crimes de guerra dos EUA no Afganistán.
facultade_farmacia_universidade_kabul
photo_camera Imaxe de grupo dun curso de investigación farmacéutica na Universidade de Kabul, o 6 de abril, catro meses antes da vitoria talibán (Foto: Universidade de Kabul)

"Douvos a miña palabra como reitor da Universidade de Kabul: mentres non se facilite un ambiente realmente islámico para todos, as mulleres non poderán ir a clase ou traballar nas universidades. O Islam primeiro". 

É o anuncio realizado por Mohammad Ashraf Ghairat, designado hai dúas semanas polo movemento talibán como máximo responsábel deste centro educativo, a respecto da política a seguir baixo o seu mandato. E deixábao por escrito nunha entrada no Twitter na segunda feira.

O 21 de setembro, na mesma rede social, Ghairat xa escribía que os centros educativos "se converteron en centros de prostitución e corrupción moral" e apostaba como remedio pola segregación por sexos.

Das súas declaracións fíxose eco a prensa internacional. The New York Times informaba de que "as mulleres serían vetadas indefinidamente da institución tanto de docentes como de estudantes". Porén, o reitor matizaba onte, de novo a través do Twitter, que se tratara dun "malentendido". 

Aclaraba: "Non dixen que nunca permitiremos que as mulleres vaian a clases ou traballar nas universidades; o que quixen dicir é que até que creemos un ambiente islámico, as mulleres terán que ficar na casa".

O sindicato de ensino afgán enviou unha carta ás autoridades a semana pasada pedindo a destitución de Ghairat, de 34 anos, que ademais recibiu críticas pola súa falla de experiencia académica. E, ademais, púxose en cuestión a idea de que os talibán teñan o monopolio para definir o que está ou non está en concordancia coa fe islámica.

O primeiro Goberno talibán (1996-2001) tamén prohibira ás nenas e mulleres regresar ás escolas e postos de traballo. Tamén por cuestións de seguridade e tamén de forma temporal. Medida que acabou sendo perpetua.

O 18 de setembro retomáronse as aulas na educación secundaria, mais o Goberno deu orde de que, polo momento, só se reincorporasen os estudantes e profesores varóns. A TV local Tolo News informaba onte da preocupación existente por que, de novo, esta medida se torne perpetua.

Kabul asegurou que as escolas abrirán pronto. "Hai 20 anos era diferente. Tiñamos problemas económicos", sinalou Zabihullah Mujahid, viceministro de Cultura e Información. Mais entre as docentes calla o desánimo e apuntan todo o contrario: "Non queren que as mulleres estuden e se alfabeticen. Queren levar Afganistán 20 anos atrás", sinalou Shamsia, unha profesora.

Xuízas ameazadas

Dramática tamén, e con risco ademais para as súas vidas, é a situación das xuízas afgás. A Asociación Internacional de Mulleres Xuíces (IAWJ, en inglés) alertaba poucos días despois da asunción do poder por parte dos talibán da inseguridade que viven estas mulleres. A semana pasada volveu solicitar axuda ─visados e diñeiro─ á comunidade internacional para facilitar a súa saída do país.

"Están en perigo porque, en cumprimento da lei, emitiron sentenzas en contra de homes en casos de violencia doméstica, divorcios e custodia de menores. Están en risco porque algunhas destas decisións xudiciais foron en contra de militantes talibán [...] Os talibán non aceptan que as mulleres poidan xulgar homes", sinalaban nun comunicado.

Seis destas xuízas ofreceron o seu testemuño nunha reportaxe publicada onte pola BBC. Seis do das 220 que permanecen agochadas, mudando cada poucos días de paradeiro. Ameazadas de morte por algúns dos homes que no pasado condenaron por "crimes brutais" de asasinato e violación. 

O novo fiscal da Haia renuncia a investigar os crimes de guerra de EUA en Afganistán

O Tribunal Penal Internacional (TPI) non retomará as investigacións sobre os supostos crimes de guerra cometidos polo Exército dos EUA durante a súa presenza de 20 anos no Afganistán, segundo anunciou o novo fiscal do TPI, o escocés Karim Khan, que substituíu o 16 de xuño a gambiana Fatou Bensouda. Un informe desta, de 2016, concluía que as tropas estadounidenses e a CIA  puideron levara a cabo torturas en centros de detención no Afganistán, Polonia, Romanía e Lituania. O TPI autorizou unha investigación en marzo pasado mais foi adiada tras pedir as autoridades afgás levar o caso. Khan considera que agora, cos talibán no poder, non hai garantías dunha"investigación eficiente" e que se centrará en investigar os crimes dos talibán e de ISIS. O Goberno dos EUA ─onde onte, o Congreso interrogou os responsábeis militares sobre a caída e saída do Afganistán─ celebrou a decisión de Khan.

Comentarios