Irán promete vinganza se Trump non paga pola morte de Soleimani

Cerimonia polo segundo cabodano do ex xeneral.
EuropaPress_4174441_cartel_recuerdo_general_qassem_soleimani_fallecido_enero_2020_ataque_drones
photo_camera Cartel de homenaxe a Soleimani, esta segunda feira en Teherán (Foto: Gao Wencheng / Xinhua News)

O presidente do Irán, Ibrahim Raisi, advertiu esta segunda feira que a umma (a comunidade musulmá mundial) fará a xustiza polas propias mans se o ex presidente dos EUA Donald Trump non é xulgado polo asasinato do xeneral Qassem Soleimani, de cuxa morte se fixeron onte dous anos. 

"Trump, [o ex secretario de Estado] Pompeo e os seus cómplices deben ser xulgados polo crime do asasinato do xeneral Qassem Soleimani", manifestou Raisi na cerimonia en memoria do ex militar, desenvolvida na mesquita Mosala de Teherán. 

Miles de persoas participaron no acto, retransmitido pola TV estatal, para conmemorar a morte do ex xeneral da Forza Quds dos Gardiáns da Revolución iraniana nun bombardeo con dron estadounidense o 3 de xaneiro de 2020, perto do aeroporto de Bagdad, no Iraq. 

Trump ordenou a morte de Soleimani afirmando que o xeneral preparaba un ataque "inminente" contra o persoal estadounidense na capital iraquí. Como resposta ao asasinato, o Goberno do Irán lanzou varios mísiles contra as bases iraquís que albergaban soldados dos EUA.

Nos últimos días cidades como Teherán enchéronse de carteis homenaxeando o ex militar, segundo os medios locais.

Negociación nuclear

O líder supremo do Irán, Ali Khamenei, reafirmou as palabras de Raisi. "Os asasinos do mártir Soleimani como Trump pagarán polo seu crime", escribiu en Twitter. "O mártir Soleimani é máis perigoso para os seus inimigos que o xeneral Soleimani", engadiu a principal figura da república islámica.

O cabodano do militar iraniano chega no medio das conversas en Viena para rescatar o acordo nuclear de 2015 entre o Irán e Alemaña, Francia, o Reino Unido, a China, Rusia, e os EUA de forma indirecta. Hoxe retomaranse os contactos tras o parón polas festas do Nadal. 

O acordo nuclear limitaba o programa nuclear iraniano a cambio do levantamento das sancións estadounidenses, mais Washington abandonouno en 2018 e impuxo nova medidas punitivas contra o Irán. Como resposta, Teherán comezou a incumprir os límites impostos ao seu programa atómico.

Trump, con Orbán

Foi con Trump na Casa Branca que EUA abandonou o acordo nuclear. Un Trump que onte entrou en campaña electoral en Hungría. A través dun comunicado publicado na web da súa plataforma política Save America, deu o seu apoio para a reelección ao primeiro ministro de Hungría, o ultradereitista Viktor Orbán, e cualificouno de "líder forte" e "respectado".

Comentarios