ISIS reivindica o atentado en Moscova que deixou decenas de persoas asasinadas e máis de 100 feridas

Os Estados Unidos e o Reino Unido advertiran de ataques contra territorio ruso.

O auditorio atacado en chamas con posterioridade ao atentado terrorista, esta sexta feira na rexión de Moscova. (Foto: Cao Yang / Xinhua News)
photo_camera O auditorio atacado en chamas con posterioridade ao atentado terrorista, esta sexta feira na rexión de Moscova. (Foto: Cao Yang / Xinhua News)

Un grupo de persoas armadas accedeu ao interior da sala de concertos Crocus City Hall —con capacidade para unhas 7.500 persoas, en Moscova, e abriu fogo de forma indiscriminada contra varios dos asistentes, sen que as autoridades puidesen precisar aínda unha cifra aproximada de vítimas, que serían polo menos 40 mortos e varias decenas de feridos, segundo as primeiras estimacións de fontes dos servizos de emerxencias citadas por medios rusos. Máis tarde declarouse un incendio no edificio.

Acto seguido ordenouse evacuar o recinto, mais podería haber até 200, segundo apuntan algúns medios, atrapadas no interior na parte envolta en chamas. O tellado do edificio, froito do lume, estaría a derrubarse, segundo Nexta TV. A axencia de noticias Tass informou dunha explosión tras o tiroteo perpetrado por, segundo a información transcendida até o momento, entre dous e cinco homes vestidos con roupas de camuflaxe.

Nas redes sociais comezaron a aparecer numerosos vídeos —a maioría aínda non verificados— nos que se apreciaban centos de persoas na sala na que se dispuña a tocar o grupo Picnic, que non puido facelo. Outras imaxes mostran decenas de persoas tendidas no chan, presumibelmente mortas, en diferentes partes do edificio, e outras tantas perseguidas polos atacantes, que dispararon a discreción.

Actualmente as autoridades tratan de recabar a máxima información posíbel sobre a magnitude do ataque, o número de vítimas e as circunstancias do suceso. "Ocorreu unha terríbel traxedia. O meu máis sentido pésame aos seres queridos de todas as vítimas", lamentou o alcalde de Moscova, Serguéi Sobianin. Tamén anunciou a cancelación de todos os actos deportivos e culturais nos que se estimaba habería unha grande afluencia a fin de semana, e as autoridades estatais transmitiron que reforzaron a seguridade nos aeroportos e estacións de ferrocarril da capital rusa.

Á hora do feche desta edición aínda non había aínda demasiada información relativa á autoría do atentado, que decorreu logo de que Rusia lanzara unha vaga de ataques de represalia contra Ucraína no contexto da guerra, se ben a última hora o Estado Islámico (ISIS) reivindicou o ataque a través da súa canle de Telegram.

As chamas saíndo do interior do Crocus City Hall. (Foto: Cao Yang / Xinhua News)
As chamas saíndo do interior do Crocus City Hall. (Foto: Cao Yang / Xinhua News)

Alerta previa de ataque

Antes das eleccións presidenciais rusas da pasada fin de semana, membros da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), liderada por Washington, alertaran de posíbeis ataques terroristas na capital rusa.

Maria Zakharova, voceira do Ministerio de Asuntos Exteriores ruso, reclamou a “toda a comunidade mundial” a condena do crime, e detallou que as forzas de emerxencia loitaban por rescatar as persoas que ficaban atrapadas no Crocus City Hall após o comezo do ataque. A prensa local subliñou que entre as persoas que non puideran abandonar o edificio ardendo, que se estimaron en 200, había crianzas.

Cuba, Venezuela, Nicaragua ou Bolivia condenaron rapidamente o atentado e emitiron as súas condolencias, entrementres, os Estados Unidos afirmaron que “as imaxes son horríbeis e difíciles de ver, os nosos pensamentos estarán coas vítimas”, e reiteraron que “non hai indicios” de participación ucraína, o que se aprestou a aseverar Mykhailo Podolyak, asesor do presidente Volodimir Zelenski. Zakharova contestou a Washington que se teñen información deberían compartila, e senón terían que evitar facer esa clase de declaracións.

Comentarios