O holandés VVD rexeita unha coalición coa ultradereita... pero podería apoiala desde fóra

O 6 de decembro constitúese o lexislativo dos Países Baixos.
Dilan Yesilgoz. (Foto: Europa Press / Contacto / Sylvia Lederer)
photo_camera Dilan Yesilgoz. (Foto: Europa Press / Contacto / Sylvia Lederer)

"Os electores falaron e dixeron que pasemos desta quenda”, sostivo hoxe Dilan Yesilgöz, líder do conservador Partido Popular pola Liberdade e a Democracia (VVD) en substitución do aínda primeiro ministro dos Países Baixos Mark Rutte, para xustificar que non entrarán nunha coalición de Goberno tras a vitoria nos comicios adiantados do Partido pola Liberdade (PVV), de extrema dereita, nunhas eleccións nas que o VVD baixou ao terceiro posto.

Así e todo, a candidata do VVD defende que si farán “posíbel un Gabinete de centro-dereita" e apoiarán "propostas construtivas, polo que sería unha forma de apoio” a un Executivo que estaría encabezado moi probabelmente por Geert Wilders, do PVV.

Sen o VVD, para fiar unha coalición que conte con maioría parlamentaria Wilders debería convencer o resto de forzas conservadoras nun lexislativo fragmentado de que se unan ao Executivo.

Amais do PVV, un dos potenciais aliados da coalición, Novo Contrato Social, tamén cuestionou que o VVD definira a súa posición tan rápido. O seu candidato, Pieter Omtzigt, abriu a porta ás conversas mais adiantou que non hai ningunha garantía de que vaia entrar nun Gabinete liderado por Wilders.

O 6 de decembro, a primeira data chave

O 6 de decembro, cando tomen posesión as e os representantes no Parlamento e sexa preciso definir os seus órganos, poderase comprobar até que punto Wilders é quen de lograr xuntar unha maioría parlamentaria, nun proceso que polo xeral no país se adoita prolongar.

Para o último Executivo de Rutte, en 2021, foron precisos 299 días de negociación co resto de formacións. Ao comezo dos seus 13 anos de Goberno, en 2010, foi o propio PVV o que facilitou que encabezara un Goberno en minoría que durou dous anos.

Comentarios