Saír da UE, prohibir o Corán ou rexeitar migrantes, as promesas da ultradereita nos Países Baixos

Wilders prometeu rexeitar todas as solicitudes de asilo.
Geert Wilders (no centro) hoxe. (Foto:  Remko De Waal / ANP / DPA)
photo_camera Geert Wilders (no centro) hoxe. (Foto: Remko De Waal / ANP / DPA)

Geert Wilders, líder do Partido pola Liberdade (PVV), de extrema dereita, impúxose nas eleccións parlamentarias anticipadas que decorreron a cuarta feira nos Países Baixos, confirmou hoxe o escrutinio, ao facerse con 37 dos 150 asentos na Cámara de Representantes, coa coalición progresista entre o Partido do Traballo e a Esquerda Verde, encabezada polo ex vicepresidente da Comisión Europea Frans Timmermans, en segundo lugar con 25 escanos.

O principal prexudicado dos comicios foi o conservador Partido Popular pola Liberdade e a Democracia (VVD), que fica con 24 escanos baixo o novo liderado de Dilan Yesilgöz, que substituía á fronte da candidatura o primeiro ministro en funcións Mark Rutte, que porá fin a 13 anos de Goberno logo de rachar o anterior Gabinete por discrepancias sobre a xestión migratoria.

Nun lexislativo moi fragmentado, as forzas conservadoras sacaron os mellores resultados, especialmente Novo Contrato Social (NSC), con 20 representantes, despois de escindirse de Chamada Demócrata Cristiá, que quedou con cinco deputadas e deputados. O Movemento Labrego-Cidadán sacou sete e a ultradereita do Foro pola Democracia tres, igual que o Partido Político Reformado e a Unión Cristiá, mentres que JA21 quedou con un.

No bando progresista, D66, segunda forza nos anteriores comicios, fíxose con nove asentos, o Partido Socialista con cinco e DENK con tres, os mesmos que o Partido polos Animais e un máis que Volt.

Unha vez coñecida a súa vitoria, Wilders prometeu limitar “o tsunami do asilo”, logo de defender na campaña non aceptar solicitantes de asilo no país, un referendo para saír da Unión Europea ou prohibir o Corán e as mesquitas.

Tamén sinalou que o PVV “xa non pode ser ignorado” e fixo un chamamento ao VVD e NSC para unirse nunha coalición de Goberno. Con todo, aínda que o NSC afirmou que está “dispoñíbel” para as negociacións, na campaña o VVD negou que fora gobernar con Wilders, así e todo, medios internacionais dan por feita a súa participación nunhas conversas que se agardan de meses de duración.

Comentarios