Israel está a obstruír un alto o fogo en Gaza, denuncia Hamás, e o Papa pide a fin dos ataques

O papa Francisco, cualificou como “extremadamente grave” a situación en Gaza no seu discurso polo Nadal, reclamando un “alto o fogo”
Campo de persoas desprazadas en Gaza o 23 de decembro de 2024. (Foto: Hadi Daoud / Zuma Press / ContactoPhoto)
Campo de persoas desprazadas en Gaza o 23 de decembro de 2024. (Foto: Hadi Daoud / Zuma Press / ContactoPhoto)

Como xa fixera múltiples veces nos últimos meses, o réxime israelí está a obstaculizar as negociacións dun alto o fogo na Faixa de Gaza ao impor novas condicións sobre a retirada dos seus militares, as persoas israelís detidas no enclave e o regreso das palestinas desprazadas polo xenocidio sionista, informou a cuarta feira a organización palestina Hamás.

O grupo subliñou que as conversas en Qatar “están a ir ben”, e destacou a súa “flexibilidade” ante as mudanzas da posición israelí, cuxo equipo negociador volveu antonte para efectuar “consultas internas” co Goberno ultradereitista de Israel.

O seu primeiro ministro, Benjamin Netanyahu, freou varios entendementos para asegurar a súa supervivencia política, que ten garantida en tanto a ofensiva militar continúe, algo que recoñeceu até o seu principal aliado, os Estados Unidos, e do que foi acusado polo seu propio equipo negociador.

Nesta ocasión, Netanyahu responsabilizou Hamás dos atrasos nas negociacións do cesamento de hostilidades, insistindo en que busca revisar puntos xa falados sobre as persoas israelís detidas en Gaza, onde cando menos 45.361 persoas foron asasinadas por Israel desde outubro de 2023, 40% crianzas, o que supón unha cada hora, denunciou a Organización das Nacións Unidas.

Entrementres, os tres principais hospitais que aínda quedaban parcialmente activos no norte do territorio ficaron fóra de servizo por mor dos ataques reiterados dos militares israelís contra eles.

Nesa área, na que Israel desenvolve desde outubro unha limpeza étnica, está en marcha unha fame masiva, afirmou a Rede de Sistemas de Alerta Temperá contra a Fame, unha entidade pública estadounidense.

Ademais, ignorando as ameazas de represalias israelís, o movemento hutí no Iemen lanzou un novo ataque cun mísil contra Tel Aviv, que reivindicou “alcanzou con éxito o seu obxectivo”, e que segundo Israel foi interceptado.

Os hutís bloquean o paso de barcos asociados co réxime israelí no mar Vermello e efectúan lanzamentos periódicos de mísiles contra os sionistas en defensa de Gaza. Tanto Israel como os Estados Unidos bombardearon o Iemen na última semana para tratar de acabar coa solidariedade hutí con Palestina.

O papa pide un alto o fogo

O líder da Igrexa católica, o papa Francisco, cualificou como “extremadamente grave” a situación en Gaza no seu discurso polo Nadal, reclamando un “alto o fogo” e que “se brinde axuda á xente esgotada pola fame e a guerra”, amais de que “se liberen os reféns”, en alusión ás persoas israelís detidas en Gaza.

Comentarios