A guerra en Ucraína, en directo, este 7 de abril
🔴 [EN DIRECTO]
16.32 | Estes son os países que votaron a favor de suspender Rusia do Consello de Dereitos Humanos da ONU
A Asemblea Xeral de Nacións Unidas (ONU) vén de votar a favor de suspender Rusia do Consello de Dereitos Humanos, con motivo da guerra de Ucraína.
Dos 193 países que teñen dereito a voto, exercérono 176. A sesión tiña como característica especial que as abstencións non contabilizaban no reconto final, que para saír adiante tiña que contar con dous terzos dos votos a favor. Finalmente, recibiu 79%.
16.32 | Zelenski comparece no Parlamento grego xunto cun neonazi do Batallón Azov
O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, compareceu nesta quinta feira de xeito telemático no Parlamento grego, como ven facendo nos últimos días en diversos países, un deles o Estado español.
Na súa intervención, Zelenski cedeu nun momento a quenda de palabra a un combatente neonazi do Batallón Azov, que actualmente se atopa na cidade sitiada de Mariupol.
14.10 | Un vídeo amosa soldados ucranianos aniquilando militares rusos capturados
O xornal The New York Times verificou nas últimas horas as imaxes difundidas por un canal ruso de Telegram onde se ven militares ucraínos masacrando prisioneiros rusos, feridos, tendidos no chan e coas mans atadas ás costas.
12.44 | A OTAN intercepta unha aeronave rusa perto do espazo aéreo aliado en Noruega
O incidente tivo lugar a pasada terza feira e obrigou a actuar a un caza F-35 noruegués que fixo unha engalaxe de emerxencia e interceptou a aeronave rusa, confirmou un portavoz da OTAN a Europa Press.
"De acordo cun patrón que observamos regularmente, este avión ruso non estaba a seguir os procedementos de seguridade aérea recoñecidos internacionalmente", indicou o portavoz da Alianza que indicou que o piloto ruso non comunicou a súa posición nin se puxo en contacto co control do tráfico aéreo.
12.28 | España descarta enviar material pesado a Ucraína
O ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, descartou o envío alegando que agora mesmo non hai unha acción coordinada na OTAN, a pesar de que a organización se abriu a que cada aliado mande material pesado e ofensivo ante a nova fase na que entra a guerra no leste de Europa.
12.13 | A suspensión de Rusia no Consello de DDHH da ONU "socavaría a confianza" no organismo
As autoridades de Rusia afirmaron esta quinta feira que a posíbel suspensión do país no Consello de Dereitos Humanos de Nacións Unidas "socavaría a confianza" no organismo e na "totalidade do sistema de Dereitos Humanos da ONU".
"Se a resolución é adoptada, os occidentais poderán impor libremente ao resto de países os conceptos da súa visión dos Dereitos Humanos, que os satisfán tanto a eles como aos cómplices occidentais", afirmou o representante permanente de Rusia ante o organismo, Gennadi Gatilov.
10.27 | Máis de 4,3 millóns de refuxiados fuxiron de Ucraína desde o inicio da guerra
A saída forzada de poboación civil da Ucraína desde que comezou a invasión rusa afecta xa a máis de 4,3 millóns de persoas segundo as últimas actualizacións do Alto Comisionado para os Refuxiados (ACNUR).
Só a Polonia chegaron máis de 2,5 millóns de persoas, aínda que as autoridades locais non poden precisar cantas seguen en territorio polaco e cantas seguiron o seu roteiro cara a outros países de Europa.
A Romanía entraron uns 662.000 refuxiados; 404.000, a Hungría, 401.000 a Moldavia e 302.000 a Eslovaquia.
10.18 | Moscova realiza por primeira vez en rublos os pagos por eurobonos
Segundo recolle Russia Today, o Ministerio de Finanzas ruso explicou que a medida foi adoptada ante o bloqueo das súas reservas en Occidente despois de que un intento de liquidar o pago de 649,2 millóns de dólares fose rexeitado por unha institución financeira estranxeira.
09.54 | Ucraína pide armamento pesado á OTAN para evitar novos masacres
O ministro de Exteriores de Ucraína, Dimitro Kuleba, reclamou este xoves máis armas á OTAN, incluído material pesado, para repeler a ofensiva militar rusa e evitar novos masacres de civís como o de Bucha.
"A miña axenda é moi simple só ten tres puntos: armas, armas e armas", asegurou o titular de Exteriores esta quinta feira en declaracións xunto ao secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, antes de participar na reunión de ministros aliados.
09.40 | Estados Unidos descarta ataques químicos en Ucraína
Tras a publicación dunha guía en caso de catástrofe humanitaria polo uso de armas químicas e nucleares en Polonia, Estados Unidos descartou ataques químicos en Ucraína.
"Non vimos nada que indique un ataque químico inminente dentro de Ucraína", dixo o portavoz do Pentágono, John Kirby, agregando que "respecta plenamente" a decisión do Goberno polaco de "informar e educar á súa poboación".