venres 30/10/20
É un lugar mítico do pobo mapuche

Guafo, a illa chilena coñecida como 'Nova Galiza', en venda

Private Islands Inc. pon á venda unha das illas chilenas do arquipélago de Chiloé por 20 millóns de dólares. Considerada como un lugar mítico do pobo mapuche, foi colonizada polos galegos e está asociada á Galiza polas lendas, a  cultura e a tradición, e de feito estas illas foron coñecidas até o século XIX como Nova Galiza.
illadeguafo
Illa de Guafo. / AFP

A illa, a segunda máis grande do arquipélago, é actualmente propiedade dos empresarios Paul Fontaine e Rodrigo Danús, sobriño do ex ministro de Economía do ditador Pinochet.

O anuncio da vendedora reza que se trata dunha “illa deshabitada con máis de 44 millas de costa e unha gran variedade de flora e fauna con presenza de leóns mariños, pingüíns e baleas azuis”. 

A raíz disto, a indignación de colectivos activistas na defensa do pobo mapuche e de grupos ecoloxistas deixouse sentir, xa que a illa é un punto chave no planeta pola súa biodiversidade. En 2017, o Fondo Mundial para a Natureza (WWF, polas súas siglas en inglés) comezou unha campaña para que se aprobase a Lei Lafkenche, que pide resgardar os Espazos Costeiros Mariños de Pobos Orixinarios e, polo tanto, agora reclámase que se “deixe en pausa calquera solicitude de concesión para o uso dese espazo e que se evite a instalación dunha infraestrutura que prexudique as características culturais, ecolóxicas e do ecosistema da área”.

“Estamos a pedir que o Goberno considere devolvernos a illa”, afirmou Cristian Chiguay, líder de 11 comunidades Lafkenche de Quillón. “Vemos a illa como unha fonte de vida e poder espiritual, para nós non é un negocio, non ten valor comercial”, asegurou en declaracións ao xornal británico The Guardian, onde tamén se recollía que a pretensión da comunidade mapuche era “conservar os territorios ancestrais da illa".

comentarios