mércores 22.01.2020
Máis de 1.500 soldados detidos

O golpe de Estado falido en Turquía deixa 200 mortes e máis de mil persoas feridas

[ACTUALIZADO ÁS 16:40] Calma tensa en Turquía após neutralizarse o golpe de Estado que levou parte do Exército a declarar a lei marcial en todo o país e a atacar con tanques e helicópteros as principais institucións de goberno do país. Logo de horas de incerteza, coñécese o balanzo desta operación: 200 persoas mortas, máis de 1.500 feridas e máis de 1.500 golpistas detidos.

[Imaxe: @anarent] Partidarios de Erdogan tratan de tomar un tanque
[Imaxe: @anarent] Partidarios de Erdogan tratan de tomar un tanque

A noite da sexta feira, unha parte do Exército turco sublevábase e anunciaba a toma do poder no país. Declaraba entón a lei marcial e o toque de queda. As primeiras noticias chegaban a través das redes sociais e aos poucos foise coñecendo como os tanques e helicópteros trataban de facerse co control total ao atacar edificios do goberno en Ankara.

Pasada a medianoite coñecíase o bloqueo de aeroportos e de pontes sobre o Bósforo para garantir o colapso. Mentres isto acontecía, o dirixente do país, o polémico Tayyip Erdogan, trataba de arribar a Estambul do seu retiro vacacional, na cidade turca de Bodrum. O mandatario, ao non poder acceder á urbe máis poboada de Turquía, dirixiuse a Alemaña e pediu asilo político, que lle foi denegado. Obrigado a ir cara ao Irán, regresou ao país unha vez neutralizado o golpe.

O dirixente turco, que nun primeiro momento se cría detido, interveu, vía vídeochamada, en directo en CNN

Moitas eran as voces que preguntaban por Erdogan unha vez o Exército sublevado emitira o comunicado de imprensa no que daba conta do golpe. O dirixente turco, que nun primeiro momento se cría detido, interveu, vía vídeochamada, en directo en CNN, cadea estadounidense que durante a madrugada do sábado se dedicou a transmitir unha sólida defensa de Erdogan.

Reaccións após as declaracións de Obama

Conforme pasaban as horas, chamaba a atención o silencio da ONU, que non emitiu un comunicado até pasada á 1h da madrugada. A ONU pronunciouse após a mensaxe de apoio ao Goberno de Erdogan de Barack Obama. Esta condena ao golpe provocaba un regueiro de reaccións idénticas no seo da UE.

Mentres, as redes sociais ardían entre as persoas partidarias e as detractoras de Erdogan, ao que se acusaba de alentar o pobo a saír á rúa na defensa do goberno cando impide a realización de manifestacións pacíficas; de censurar e fechar medios de comunicación e o propio uso das redes sociais e de aceptar a deportación de persoas refuxiadas sen garantir a súa protección. Precisamente, moitas eran as internautas que se preguntaban polas milleiras de refuxiadas, que se atopan en zonas ás que o goberno non permite acceder aos medios de comunicación.

Erdogan, fortalecido após a intentona, advertía de que os golpistas recibirían o seu merecido

Conforme pasaba o tempo todo parecía indicar que o golpe fracasara. A raíz do restabelecemento da televisión pública turca, os medios internacionais comezaron a se referir ao golpe como falido. Erdogan, fortalecido após a intentona, advertía de que os golpistas recibirían o seu merecido e, na mañá do sábado, o Goberno turco daba por concluído o golpe e anunciaba a destitución de cinco xenerais e 29 coroneis e a detención de máis de 1.500 soldados.

O golpe de Estado falido en Turquía deixa 200 mortes e máis de mil persoas feridas
comentarios