Portugal

As forzas progresistas lusas acaban coa moción de censura do Chega

PCP e BE critican as políticas gobernamentais pero impiden cos seus votos, canda os de Livre, PAN e o propio PS, que saia adiante unha infrutuosa moción que evidencia a división da dereita.
A Assembleia da República de Portugal, durante o debate da moción. (Foto: António Prôa)
photo_camera A Assembleia da República de Portugal, durante o debate da moción. (Foto: António Prôa)

O Partido Socialista (PS), o Partido Comunista (PCP), o Bloco de Esquerda (BE), Livre e Pessoas-Animais-Natureza (PAN) desbotaron esta terza feira co seu voto en contra na Assembleia da República de Portugal a moción de censura presentada pola extrema dereita do Chega contra o Executivo de António Costa, apoiado pola maioría absoluta no lexislativo do PS. Esta é a terceira moción da lexislatura, logo das presentadas pola mesma organización e pola Iniciativa Liberal (IL).

A pesar de que foi unha "votación para quen ten saudades da geringonça", apuntou o Diário de Notícias en alusión ao Goberno formado en 2015 polo PS da man dun acordo parlamentario co PCP e o BE. Estas dúas formacións cuestionaron no debate as políticas gobernamentais sobre vivenda, educación ou impostos.

Do outro lado do hemiciclo, o único apoio á moción do Chega foi o de IL, á vez que o conservador Partido Social Democrata, que lidera a oposición, abstívose como aconteceu nas dúas mocións de censura anteriores, o que foi criticado polo Chega por rachar a unidade conservadora contra o Executivo.

"Se non se entenden sobre a censura ao Goberno ao que se opoñen, como se van a entender para construír unha alternativa?", dixo Costa, evidenciando a división entre as forzas da oposición. O primeiro ministro cre que Chega só presentou a moción para "desafiar" o resto de formacións da dereita.

Comentarios