O PSD luso marca distancia co Chega e non apoiará a moción de censura

O partido de extrema dereita quere tombar o Executivo portugués.
O líder do conservador PSD, Luís Montenegro. (Foto: Europa Press)
photo_camera O líder do conservador PSD, Luís Montenegro. (Foto: Europa Press)

A principal incógnita arredor da moción de censura contra o Goberno do Partido Socialista (PS) luso que a extrema dereita do Chega formalizará hoxe e chegará ao lexislativo a próxima terza feira foi desvelada esta quinta feira, ao comunicar Luís Montenegro, presidente do conservador Partido Social Democrata (PSD), a principal forza da oposición, ás deputadas e deputados da formación que se absterán na votación.

Montenegro cualificou de "infantil" a proposta da ultradereita, e ratificou que "nós non somos o partido das mocións, somos o partido das solucións", para xustificar a abstención, o mesmo sentido de voto que asumiu nas dúas mocións de censura desta lexislatura, unha asinada polo Chega en xullo de 2022 e a segunda pola Iniciativa Liberal (IL) en xaneiro deste ano.

Antes de facerse pública a decisión, a IL transmitiu que votaría a favor da moción, algo que os medios lusos interpretaron como unha presión cara ao PSD para que apostase pola mesma vía, aínda definindo a proposta como "unha manobra de distracción e de comunicación que só vai favorecer o PS".

O PSD trata de manter unha posición propia con respecto á extrema dereita logo de que o presidente luso e ex líder da formación, Marcelo Rebelo de Sousa, advertira a Montenegro que non adiantaría as eleccións namentres non houbese nas enquisas unha maioría conservadora clara que excluíse o Chega.

En paralelo, o Partido Comunista acusou o Chega de desprestixiar a moción de censura como instrumento constitucional por reducila a unha ferramenta da disputa "entre a dereita", e anunciou que votará en contra aínda rexeitando as políticas da maioría absoluta do PS, que favoreceu as grandes empresas a costa "das condicións de vida" dos lusos.

Comentarios