O fiscal xeral ameaza Puigdemont coa cadea se proclama a independencia

Aumenta a tensión cando case todas as cartas están sobre a mesa. Aínda hai, aliás, algunhas incógnitas, a principal, a de se o Parlament votará esta semana, ou non, a declaración de independencia. JxSí e CUP acordaron esta segunda feira realizar un pleno a quinta feira, a véspera de o Senado aprobar a activación do 155. Puigdemont estuda comparecer na cámara alta para defender as alegacións do Govern á aplicación do artigo que liquida a "autonomía" catalá.

José Manuel Maza, fiscal xeral do Estado
photo_camera José Manuel Maza, fiscal xeral do Estado

A situación xudicial de Puigdemont é delicada -hai contra el cargos de prevaricación, malversación de fondos e desobediencia- e tende a pior, após se coñecer que a Fiscalía Xeral do Estado prepara tamén unha querela por un presunto delito de rebelión.

A querela apresentaríase automaticamente na eventualidade de Puigdemont (ou o Parlament) declarar a independencia e envolvería a detención do president, segundo dixo esta terza feira a Antena 3 o fiscal xeral do Estado, José Manuel Maza, quen ocupa o ministerio público por designación do executivo -unha anomalía democrática española que pon en cuestión a división real de poderes.

O delito de rebelión está moi fortemente penado e pode conlevar penas de prisión de 15 a 30 anos (no caso extremo de se materializar o acto rebelde con violencia).

Algunhas fontes xurídicas indican que a Fiscalía tenciona estender o delito de rebelión a todos os cargos eleitos que voten a declaración de independencia.

E vaise votar finalmente? Fontes soberanistas consultadas por Público.es indican que si, que o Parlament -na reunión axendada para esta quinta feira- si declarará á independencia. Destarte, levantaríase a suspensión sobre a DUI -ou máis ben sobre os efeitos da Lei do Referendo- decretada por Puigdemont na súa comparencia parlamentar de 10 de outubro.

Fontes soberanistas consultadas por Público.es indican que si, que o Parlament -na reunión axendada para esta quinta feira- si declarará á independencia

O acordo para realizar o pleno do Parlament esta quinta feira, xusto nas vésperas de o Senado se reunir a sexta para dar luz verde ao 155, tomárono esta segunda feira JxSí e a CUP. No enunciado de convocatoria non aparece ningunha referencia expresa á independencia, o cal é lóxico porque do contrario o pleno sería suspendido con toda seguranza polo Tribunal Constitucional. O que se prevé é que no mesmo transcurso do pleno se introduza un novo ponto na orde do día para submeter a votación a DUI.

Puigdemont ao Senado

A outra grande dúbida neste momento ten a ver coa hipotética comparecencia de Puidgemont no Senado para levar el persoalmente as alegacións do Govern ao 155. O de a Administración ameazada de intervención formular as súas observacións e obxeccións é un trámite inescusábel da aplicación deste artigo da Constitución. O Govern pode saldalo ou ben por escrito ou ben presencialmente. Esta última é a opción que parece se acabará impondo, sendo que JxSí quer transmitir a impresión de que a parte catalá esgotou as vías de diálogo até as últimas consecuencias.

Comentarios