O Exército sudanés abre a porta a un alto o fogo durante o ramadán

Os paramilitares negocian coa Unión Africana.
Voluntarias preparan comida para repartir no Sudán, en febreiro. (Foto: Mohamed Khidir / Europa Press / Contacto)
photo_camera Voluntarias preparan comida para repartir no Sudán, en febreiro. (Foto: Mohamed Khidir / Europa Press / Contacto)

Pouco antes do comezo do ramadán, previsto entre o domingo e a segunda feira, as Forzas Armadas sudanesas, que protagonizan unha guerra civil contra os paramilitares das Forzas de Apoio Rápido (RSF), confirmaron a posibilidade de declarar un alto o fogo temporal no mes sagrado para as persoas musulmás, recolleron a sexta feira medios internacionais.

Neste sentido, exixen que a forza paramilitar se retire das áreas civís e renuncie a continuar cos combates, indicando que cesamentos de hostilidades anteriores foron aproveitados para intensificar as súas operacións militares. Á vez, as RSF están a negociar coa Unión Africana.

O alto o fogo foi reclamado por António Guterres, secretario xeral da Organización das Nacións Unidas, que instou a usalo para fixar “un camiño firme cara a unha paz duradeira”. O Programa Mundial de Alimentos do organismo internacional salientou que o país se encamiña á “maior crise de fame no mundo”, con 25 millóns de persoas “atrapadas nunha espiral de seguridade alimentaria en deterioración”, mais a "xente do Sudán foi esquecida".

Comentarios