O ex número dous das FARC anuncia o retorno á loita armada

Centos de activistas sociais, líderes comunitarios e ex guerrileiros foron asasinados en Colombia nos últimos anos. Eis unha das realidades que o relato oficial oculta ao se referir ao proceso de paz entre as FARC e o Estado. E eis unha das razóns que esta cuarta feira expuxo o ex número dous da guerrilla, Iván Márquez, para anunciar o seu retorno ás armas.
iván márquez FARC
photo_camera O guerrilleiro das FARC Iván Márquez (no centro, con papeis na man) anuncia o retorno á loita armada en Colombia. Imaxe: Youtube.

Márquez gravou un vídeo acompañado doutros dirixentes da guerrilla, por caso Jesús Santrich e El Paisa. “Anunciamos ao mundo que a segunda Marquetalia comezou”, afirmou, “baixo o amparo do dereito universal que asiste a todos os pobos do mundo a se erguer en armas contra a opresión”. Marquetalia é o territorio no oeste de Colombia onde, en 1964, un grupo de campesiños comunistas fundou as FARC.

“Nunca fomos vencidos nin derrotados ideoloxicamente. Por iso a loita continúa. A historia rexistrará na súas páxinas que fomos obrigados a retomar as armas”, sinalou. O vídeo, dispoñíbel en Youtube, dura 32 minutos e ten data do 29 de agosto, no río Inírida, perto das fronteiras con Venezuela e Brasil.

Márquez asegura que a decisión de volver ás armas “é a continuación da loita guerrilleira en resposta á traizón do Estado ao acordo de paz da Habana”. Ao tempo, afirmou que buscarían acordos coa outra guerrilla aínda activa, a veterana Exército de Liberación Nacional (ELN). Márquez xa avisara desde a clandestinidade do “erro” das FARC por abandonar as armas e denunciara a matanza de líderes sociais e ex guerrilleiros.

Timochenko

O líder das FARC que negociou a paz na Habana, Rodrigo Londoño, Timochenko, é agora o presidente do partido político resultado do proceso, a Forza Alternativa Revolucionaria do Común (FARC), respondeu ao grupo de Márquez: “Non compartimos os termos da alocución. Proclamar a loita armada na Colombia de hoxe constitúe unha equivocación delirante”.

O Goberno de Iván Duque -un político próximo ao dereitista Álvaro Uribe, opositor das negociacións de Cuba- acusou a Márquez de se apoiar na Venezuela de Nicolás Maduro.

Comentarios