Euskal Herria rexistra o Aberri Eguna máis masivo dos últimos anos

Bilbo e Iruña acolleron os principais actos do Aberri Eguna deste ano, onde participaron ducias de miles de persoas.

 

FtRrM0KXwAEcFzs-min-min
photo_camera Cabeza da marcha de EH BIldu en Iruña. (Foto: Nós Diario).

A marcha convocada por EH Bildu volveu ser o acto máis masivo do Aberri Eguna. A manifestación, que partiu as 12:00 horas do barrio de Donibane, rematou  hora e media máis tarde nas campas de Antoniutti.

A mobilización, onde estiveron presentes como convidadas organizacións nacionalistas de Catalunya, Galiza e Irlanda, fechouse coas intervencións do voceiro de EH Bildu, Arnaldo Otegi, e a candidata da formación á presidencia de Nafarroa, Laura Aznal.

Otegi cualificou a súa alternativa como “bloque da esperanza”. Nesta liña resaltou, que “necesitamos trabar acordos de país, estamos dispostos a iso, necesítanse para camiñar cara á soberanía, recoser o territorio e construír unha Euskal Herria soberana”.

 

Esquerda e soberanía

O dirixente nacionalista indicou que “non pode haber esquerda transformadora real no Estado español e no francés se non respecta o carácter plurinacional do Estado e a autodeterminación dos pobos”.

O máximo responsábel de EH BIldu insistiu en que “Euskal Herria é unha nación e ten dereito a decidir, e materializarao cando poida”.

O PNV desenvolveu o seu acto tradicional do Aberri Eguna na praza Nova de Bilbo. Os principais protagonistas do mesmo foron o presidente vasco, Iñigo Urkullu, e o líder do partido, Andoni Ortuzar.

Urkullu asegurou que “a identidade baseada no noso autogoberno é unha idea nuclear na nosa historia, no noso presente e no noso futuro. Non só é unha idea. É unha realidade que avanza, que nos representa e proxecta a nosa determinación”.

 

‘O autogoberno’

O mandatario vasco destacou que “o autogoberno é o instrumento do noso ser, do noso vivir e do noso convivir. Defender, protexer, desenvolver, renovar, avanzar e proxectalo é o noso compromiso”.

Ortuzar afirmou que “recuperamos e exercemos a nosa soberanía nacional día a día, e especialmente facémolo desde as institucións vascas, porque Euskadi constrúese de abaixo cara arriba, desde os concellos, desde as Xuntas Xerais. Son as institucións máis próximas á cidadanía e as que teñen unha lexitimidade moi especial”.

O presidente do PNV reparou no momento electoral, afirmando que “falar da nación vasca é falar das próximas eleccións municipais, forais e navarras”. Nesta dirección, recalcou que “se obtemos nelas uns bos resultados, estaremos a dar un paso máis, subindo un chanzo máis no camiño de Euskadi cara á súa liberdade”.  

Comentarios