A Galiza, Catalunya e Euskadi son os territorios con menos "sentimento identitario español"

Unha enquisa de 'Electomanía' revela que a poboación galega ten un maior sentimento de afecto cara á Galiza que a catalá a respecto de Catalunya ou a vasca con Euskadi.
Avións militares debuxando a bandeira española no ceo de Madrid o 12 de outubro de 2021. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Avións militares debuxando a bandeira española no ceo de Madrid o pasado 12 de outubro. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

A poboación da Galiza, Catalunya e Euskadi é a que menos "sentimento identitario" ten cara ao Estado español. Esa é a principal conclusión que se extrae da enquisa que vén de publicar o portal Electomanía.

Nunha escala de 1 a 10, as galegas e galegos que participaron da enquisa outorgaron unha puntuación media de 3,9 ao sentimento que afirman tener sobre a súa "identidade española".

Por diante fican Catalunya (3,5) e Euskadi (2,8). No resto de territorios 'aproba' o sentimento español, agás en Nafarroa (4,8).

É maior a 'indentidade galega' que a vasca ou a catalá

No que atinxe ao sentimento a respecto das nacións sen Estado, a Galiza fica á cabeza cunha puntuación de 8,5 sobre 10 de "identidade galega", seguida de Catalunya (7,9), Nafarroa (7,9) e Euskadi (7,6) —sentimento identitario catalán, navarro e vasco, respectivamente—.

A enquisa tamén ofrece os datos de "identidade" no que atinxe ás provincias. O sentimento identitario a respecto do territorio provincial só 'suspende' en Pontevedra (4,8), Tarragona (4,8) e Barcelona (4,8).

Nestas mesmas provincias, de feito, é onde se rexistra un menor sentimento 'español', alén de Araba (2), Gipuzkoa (3,1) e Bizkaia (3,4), con datos de 3,4 en Pontevedra, 2,4 en Tarragona e 3,6 en Barcelona.

Comentarios