A esquerda abertzale traslada ás vítimas de ETA que a súa dor "nunca debeu ocorrer"

O coordinador xeral de EH  Bildu, Arnaldo Otegi, e o secretario xeral de Sortu, Arkaitz Rodríguez, leron un documento no 10 aniversario da fin da violencia armada de ETA.
arnaldo otegi-min
photo_camera Otegi durante a lectura da declaración (Foto: EH Bildu)

EH Bildu e Sortu trasladaron ás vítimas de ETA que a súa dor "nunca debeu ocorrer". "Queremos dicirlles de corazón que sentimos moito o sufrimento padecido e que nos comprometemos a alivialo na medida do posíbel", dixeron Arnaldo Otegi e  Arkaitz Rodríguez nunha comparecencia no Palacio de  Aiete de Donostia esta segunda feira.

Baixo o título ‘Declaración do 18 de outubro’, o coordinador xeral de EH  Bildu, Otegi, e o secretario xeral de Sortu, Rodríguez, leron o documento, no 10 aniversario da conferencia Internacional de  Aiete e da fin da violencia armada de ETA.

No primeiro punto da declaración sinálase que dez anos despois de que ETA anunciase o cesamento definitivo da violencia, "cumpriuse integramente ese compromiso", é dicir, que a fin da actividade da organización foi "total e absoluto", e que o proceso de desarmamento e disolución levouse a cabo de forma adecuada, "tal e como definen os estándares internacionais".

"Non houbo fraude, non foi un cálculo táctico. O tempo transcorrido puxo de manifesto o carácter estratéxico da decisión adoptada entón"

Destacaron a ausencia de escisións de  ETA, que "evitou a aparición de graves problemas posteriores noutros procesos de similares características". "Non houbo fraude, non foi un cálculo táctico. O tempo transcorrido puxo de manifesto o carácter estratéxico da decisión adoptada entón". No segundo punto, engadiron que a decisión é para sempre.

O terceiro punto aborda o tema das vítimas. Subliñaron que a paz xusta e duradeira esixe o recoñecemento e a reparación de todas as vítimas, o que debe ser concedido a todas elas. "Non esquecemos a ningunha delas".

"Queremos expresar o noso pesar e dor polo sufrimento padecido, e desde ese sincero sentimento afirmamos que aquilo nunca debeu suceder, que ninguén pode gustar de que todo aquilo ocorrese, nin que se prolongase tanto no tempo. Tiñamos que chegar antes a  Aiete".

Con todo, subliñan que o pasado non ten volta atrás. "Pero estamos convencidos de que polo menos é posíbel alivialo, desde o respecto, e a memoria. Queremos dicirlles de corazón que sentimos moito o sufrimento que padeceron e que nos comprometemos a alivialo na medida do posíbel. Sempre nos terán dispostos para iso ".

Fin da política penal “de excepción”

O cuarto punto inclúe os presos e presas. Din que "a experiencia internacional demostra que é necesaria unha solución á cuestión dos presos políticos". A declaración de  Aiete tamén o recollía. Piden a fin da política penal de excepción e unha "solución integral". "Queremos reivindicar que os presos participaron activamente activa na aposta firme e decisiva con respecto ás vías pacíficas e democráticas. Sen eles non sería posible".

No último punto, pídese unha solución democrática ao "problema político que está na orixe do conflito". Reclamaron "respecto á nosa identidade nacional" e poñer a decisión en mans da sociedade vasca para "construír un futuro diferente".

Comentarios