EH Bildu celebra en Iruñea o Aberri Eguna reclamando "paz, democracia e soberanía"

Representantes de BNG, ERC, CUP, Junts per Cat, Esquerra Valenciana, Més Mallorca,  Més Menorca, Andecha Astur e Puyalón de  Cuchas participarán nos actos do Día da Patria.
Euskal Herria acolleu 128 mobilizacións polo Aberri Eguna 2021. Na imaxe, o acto desenvolvido no concello de Arrasate (Foto: Sortu)
photo_camera Euskal Herria acolleu 128 mobilizacións polo Aberri Eguna 2021. Na imaxe, o acto desenvolvido no concello de Arrasate (Foto: Sortu)

EH Bildu celebra hoxe en Iruñea o Aberri Eguna 2022 -Día da Patria- baixo o lema "Euskal  errepublika. Bakea, Burujabetza,  Demokrazia (República vasca. Paz, soberanía, democracia)".

O acto central será unha manifestación que partirá ás 12 horas desde os cinemas Golem e que finalizará no Paseo Sarasate, onde intervirá o coordinador de EH  Bildu, Arnaldo Otegi; o portavoz da coalición no Concello de Iruñea, Joseba  Asiron; e a secretaria de mocidades de EH Bildu, Izar Hernando.

Convidados da Galiza, Catalunya...

Contará, ademais, coa participación de representantes de ERC, BNG, CUP, Junts per Cat, Esquerra Valenciana, Més Mallorca,  Més Menorca, Andecha Astur e Puyalón de  Cuchas.

Mediante o Aberri Eguna deste ano, EH Bildu pretende trasladar á sociedade que "a pesar dos diferentes intentos que houbo por eliminar Euskal  Herria, o pobo vasco segue moi vivo". Á súa vez, reclamará en Iruñea "paz, democracia e soberanía".

"Tras a demostración durante a pandemia da falta de soberanía para xestionar os problemas do día a día, afondar na paz e a democracia é máis imprescindíbel que nunca ante a situación actual de guerra e o ascenso a nivel mundial do autoritarismo", defendeu a coalición.

Comentarios