Biden estréase como presidente cun ataque a Siria

O Goberno dos Estados Unidos volve pór o foco en al-Assad.
O presidente estadounidense, Joe Biden. (Foto: Europa Press)
photo_camera O presidente estadounidense, Joe Biden. (Foto: Europa Press)

Estados Unidos levou a cabo na noite pasada en Siria a primeira operación militar coñecida da era de Joe Biden. As forzas estadounidenses lanzaron un ataque aéreo contra unha estrutura que pertencía ás organizacións da resistencia, como resposta aos ataques recentes sufridos por persoal estadounidense e da coalición de ocupación en Iraq.

A este respecto, o xefe de prensa do Pentágono, John Kirby, destacou que “baixo instrucións do presidente Biden, as forzas militares dos Estados Unidos realizaron esta noite ataques aéreos contra a infraestrutura utilizada por grupos militantes apoiados por Irán”.

Os bombardeos, autorizados polo presidente Biden, destruíron instalacións situadas nun punto de control utilizado por grupos como Kataeb Hezbollah ou Kataib Sayyid Al-Shuhada. Segundo a información recollida polo Observatorio Sirio de Dereitos Humanos (OSDH), polo menos 22 milicianos perderon a vida na área de Abu Kamal, na provincia de Deir Ezzor, debido á ofensiva estadounidense.

O operativo levouse a cabo despois que a nova Administración demócrata anunciara a súa intención de traballar pola normalización política da zona.

John Kirby xustificou a acción militar como “unha actuación que deliberadamente busca desescalar a situación de tensión no leste de Siria e en Iraq” e cualificouna como “resposta militar proporcionada levada a cabo xunto con medidas diplomáticas e en consulta cos socios da coalición”.

“A operación envía unha mensaxe inequívoca: o presidente Biden actuará para protexer o persoal estadounidense e da coalición”, sinalou Kirby, quen ligou o bombardeo estadounidense “cunha serie de foguetes lanzados polos milicianos que alcanzaron a base militar estadounidense do aeroporto de Erbil o pasado 15 de febreiro”.

A acción militar foi condenada por diversos Estados que ven na mesma a intención do novo Executivo estadounidense de volver á política para a rexión do Gabinete de Obama, promotor de contendas bélicas en Siria ou en Libia.

Neste sentido, outra das potencias con importantes intereses en Oriente Medio, Rusia, por boca da portavoz do Ministerio de Exteriores, María Zajarova, “condena enerxicamente tales accións”, “expresa o respecto absoluto á soberanía e a integridade territorial de Siria” e “confirma a oposición a calquera intento de converter o territorio sirio nun campo de arranxo de contas xeopolíticas.

Comentarios