Opinión

Que fixo Assange?

Ante a recente aprobación por parte da ministra do Interior do Reino Unido da extradición de Julian Assange aos Estados Unidos de América, Lula Da Silva clamou: "E nós, que estamos aqui falando de democracia, precisamos perguntar: que crime o Assange cometeu? Ele só falou a verdade".

Que foi o que fixo Assange? Que mereceu unha persecución xudicial e mesmo que a CIA chegara a pensar en secuestralo ou asasinalo na súa estadía na embaixada de Ecuador en Londres –alí estivo entre 2012 e 2019–? Falar a verdade, en efecto.
Julian Assange fundou en 2006 WikiLeaks, dende onde se difundiron documentos diplomáticos do Departamento de Estado dos Estados Unidos (Cablegate, 2010), probas de crimes de guerra perpetrados polas tropas estadounidenses en Afganistán e Iraq ou a demostración da espionaxe dos EEUU a líderes mundiais.

A extradición de Assange aos Estados Unidos pode enfrontalo a cadea perpetua na práctica, pode morrer en prisión, namentres que os criminais de guerra das intervencións militares sucedidas na etapa posterior ao atentado contra as Torres Xemelgas ficarán impunes.

O castigo de Assange é unha mensaxe contra o xornalismo que busca as fontes e informa verazmente, aínda que traia consecuencias aos amos do mundo. É un retroceso nas liberdades cívicas. Con todo, estes anos deixan tamén un legado de esperanza: hai xornalismo crítico, hai investigacións internacionais que destapan tramas de corrupción, hai o convencemento social da importancia de regular o uso da big data polas grandes corporacións… O camiño ha ser longo, pero a valentía de Julian Assange, Chelsea Manning –analista que filtrou probas dos crimes de guerra estadounidenses– ou Edward Snowden, ex membro da NSA que deu conta dos programas de vixiancia masiva desta axencia de intelixencia, non foi en van. É un legado democrático estar do lado da verdade fronte aos intereses gubernamentais; é un deber de quen "estamos falando de democracia" mobilizarse contra o encarcelamento de Assange.

Comentarios