Estados Unidos aborda un barco ruso en augas internacionais perto de Islandia

A acción militar eleva a tensión política entre ambos os países.

EuropaPress_7202334_handout_07_january_2026_____ahandout_photo_taken_from_the_account_of_us
Vista do petroleiro 'Marinera' desde unha embarcación estadounidense, na xornada de onte. (Foto: Europa Press)

As forzas militares estadounidenses perseguiron e interceptaron en augas internacionais un buque petroleiro de bandeira rusa ao que seguían desde hai dúas semanas cando burlou o bloqueo imposto polos Estados Unidos a Venezuela. A embarcación, que nos últimos días mudou o seu nome de Bella 1 a Marinera, foi abordado en augas próximas a Islandia nun operativo militar onde tamén participaron avións británicos.

A nova do secuestro do petroleiro deuna o Comando europeo do exército dos Estados Unidos, quen asegurou nas súas redes sociais que "o buque foi incautado no Atlántico Norte en virtude dunha orde emitida por un tribunal federal estadounidense tras ser rastrexado pola USCGC Munro". Tamén afirmou que "esta incautación está apoiada por unha orde do presidente dos Estados Unidos dirixida a buques sancionados que ameazan a seguridade e a estabilidade do hemisferio occidental".

O Ministerio de Transportes do Goberno ruso denunciou a "detención ilegal" do petroleiro Marinera, que navegaba baixo bandeira rusa en augas internacionais, feito que na súa opinión "contravén a Convención de Nacións Unidas de 1982 sobre a navegación en mar aberto". Neste sentido, o comunicado significou que "hoxe, sobre as 15 horas de Moscova, en mar aberto e fóra dos límites das augas territoriais de país ningún, o buque foi interceptado pola Garda Costeira dos Estados Unidos e perdeuse a comunicación co navío".

As autoridades rusas apuntaron que o Executivo de Estados Unidos concedeu o 25 de decembro ao petroleiro Marinera  "un permiso temporal para navegar baixo a bandeira estatal da Federación de Rusia, expedido de conformidade coa lexislación rusa e as normas do dereito internacional", e indicaron que "esperamos que os países occidentais, que declaran o seu compromiso coa liberdade de navegación en alta mar, comecen a centrarse en aplicar este principio".

A abordaxe desta embarcación introduce máis tensión ás relacións entre Estados Unidos e Rusia. Ao tempo, o seu asalto en augas relativamente próximas a Groenlandia é analizado por diversos especialistas, como o mexicano Alfredo Jalife, como unha mensaxe do Goberno de Trump á comunidade internacional co obxectivo de deixar claro o seu interese sobre a illa, que conta con materias primas estratexicamente críticas como uranio, petróleo e gas natural, así como con dous dos maiores xacementos coñecidos de terras raras do mundo.

Estes mesmos analistas, como o xa citado Jalife, inciden na importancia xeoestratéxica de Groenlandia para controlar as rutas do Ártico, onde actualmente levan a dianteira Rusia e China, o principal investidor estranxeiro na illa. Neste sentido, a totalidade dos analistas destacan  a importancia do mar Ártico, a quen a maioría dos científicos ven en décadas como navegábel durante a maior parte do ano como resultado do cambio climático. 

Barco camerunés no Caribe

A Mariña estadounidense interceptou, tamén, na tarde desta cuarta feira, outro petroleiro, neste caso con bandeira de Camerún, nas augas do mar Caribe. Segundo un comunicado emitido polo Comando Sur de Estados Unidos, o petroleiro, denominado M/T Sophia, "operaba en augas internacionais e realizaba actividades ilícitas", significando que "a Garda Costeira dos Estados Unidos está a escoltarlo" até os Estados Unidos "para a súa disposición final".


 

Comentarios