O Estado español vendeu armas a Marrocos por 87 millóns de euros desde 2016

Algo máis de 59 millóns de euros corresponden a munición.

sahara_exercito

Nos últimos cinco anos o Estado español vendeu equipos de defensa ás forzas armadas marroquís por valor de 87 millóns de euros.

A maior parte do material (67,7%) corresponde a municións para o exército marroquí. Así se recolle nas estatísticas sobre a exportación de material de defensa publicadas anualmente polo secretario de Estado de Comercio, recollidas pola axencia Europa Press.

Desde 2016 ata o primeiro semestre de 2020 - o informe completo do ano pasado aínda non foi publicado – o Estado español vendeu armas a Marrocos por un importe total de 87.224.992 millóns.

 O material abrangue bombas, mísiles, vehículos e compoñentes, explosivos e material relacionado con avións e drons. Segundo o informe, algo máis de 59 millóns de euros corresponden a munición.

As exportacións realizadas en 2016 superaron os 30 millóns, mentres que en 2017 foron 16,7 millóns, en 2018 de 10,8 millóns, en 2019 por 23 millóns e en 2020 por volta de 6 millóns (provisionalmente a falta do informe completo).

Comentarios