O Estado español compromete o seu apoio ao ataque imperialista dos EUA a Siria

Obama conseguiu ao termo da cimeira do G20 o apoio de 10 Estados á súa causa bélica contra Siria. Entre eles, o Estado español. Alemaña non está entre os Estados que asinan unha declaración en favor de que se dea unha "resposta internacional forte" a Siria, a quen se atribúe a responsabilidade do ataque químico do 21 de Agosto.

Putin Obama
photo_camera Putin e Obama falaron a soas por espazo de 30 minutos

O G20 non se axeonllou perante Obama. En realidade, a causa bélica contra Siria -sustentada só en "conviccións" e "crenzas" de Washington, en ningún material probatorio- apenas obtivo o apoio de 10 Estados dos que conforman o G20. Berlín optou por non emprestar a súa asinatura á declaración negociada por Obama en San Petersburgo. Tampouco asinaron Sudáfrica, Indonesia e Brasil, alén de Rusia e China, que teñen deixado moi claro que vetarían no consello de seguranza da ONU calquer agresión a Siria.

Foi especialmente belixerante contra a posición de Washington o presidente ruso, Vladimir Putin. Atribuiu a responsabilidade do ataque químico aos autoproclamados rebeldes.

O presidente ruso insinuou que, de se producir o ataque norteamericano, Moscova prestaria apoio militar a Siria

Putin mantivo un encontro a soas con Obama por espazo de 30 minutos. Ningún dos dous se moveu das súas posicións previas. Putin considera que o ataque estadounidense representaría unha agresión aos intereses rusos na zona. De acordo con The Guardian, o presidente ruso insinuou que, de se producir o ataque norteamericano, Moscova prestaría apoio militar a Siria.

"Presumo que todo o que atinxe ao suposto uso de armas químicas é unha provocación por parte dos rebeldes, que agardaban conseguir asistencia por parte do estranxeiro, refírome a asistencia dos países que os teñen apoiado desde o principio da guerra. Esta é a esencia da provocación", dixo Putin.

Rusia considera que o suposto ataque con armas químicas é unha provocación dos autoproclamados rebeldes para conseguir un maior apoio "estranxeiro"

Putin engadiu que o uso da forza contra Siria sería ilexítimo. "O uso da forza contra un Estado soberano só é posíbel se iso se fai en defensa propia -e, como se sabe, Siria non ten atacado os EUA- ou baixo a autorización do consello de seguranza de Nacións Unidas". O presidente ruso enfatizou que "como un participante na nosa discusión dixo [non citou o seu nome], aqueles que axen doutro xeito póñense eles próprios fóra da lei".

Apoiaron a declaración promovida por Washington Australia, Canadá, Franza, Italia, Xapón, Corea do Sul, Arabia Saudita, o Estado español, Turquía, e o Reino Unido.

A declaración non contén explicitamente ningunha referencia ao ataque militar contra Siria (está redixida en termos abstractos, fala dunha "resposta forte", mais non dun "ataque"). De facelo, non podería ter sido asinada polo Reino Unido, dado que o Parlamento británico votou en contra do envolvimento do país nunha guerra contra Damasco.

Comentarios