Escocia: pulo independentista a menos de 5 meses das eleccións

As enquisas vaticinan que o SNP renovará de forma cómoda a maioría absoluta -con máis votos que hai 5 anos- e moi por diante de laboristas e conservadores. Falla por ver o alcance da nova coligazón da esquerda independentista, Rise, que vai concorrer a estes comicios.

escocia

En marzo de 1979 realizouse un referendo para que os escoceses decidisen se querían ter un goberno propio, con certa autonomía a respeito de Londres, ou ben optaban por seguir rexidos directamente desde a capital británica. Un 33% escolleu que Escocia tivese certa autonomía fronte un 31% que prefería seguir como até entón. Como non se logrou a participación mínima exixida, Escocia seguiu como estaba, gobernada desde Londres. Dúas décadas despois, en 1997, os escoceses votaban noutra consulta e apostaban por ampla maioría (75%) en ter un goberno autónomo. Nas primeiras eleccións 'autonómicas' escocesas, a vitoria foi para os laboristas, que formaron goberno cos liberal-demócratas. Na actualidade, entrado 2016, e a menos de 5 meses das eleccións, enquisas e sondaxes vaticinan unha abrumadora vitoria independentista. En apenas tres décadas, Escocia pasou de non ter moito interese en se dotar dun goberno rexional a apostar unha parte moi significativa da poboación na independencia, cun referendo perdido por pouco. Mais esa derrota na consulta semella que non afectou o independentismo, que desde aquela segue a medrar (ver senón votacións para Westminster).

En 2011 o SNP logrou un 46,8% dos votos e 69 dos 129 escanos do Parlamento escocés, unha ampla maioría absoluta para gobernar Escocia. O laborismo obtivo 37 asentos (19,6%) e os Conservadores un 11,8% dos votos e 15 deputados. Os liberal /demócratas atinxiran 5 asentos e os Verdes (favorábeis á independencia), 2.

Cinco anos despois, enquisas e sondaxes sinalan que o independentismo escocés pode ter mesmo mellores resultados que na cita do 2011. A sondaxe do TNS afirma que o SNP pode lograr o 54% dos votos (7 pontos máis que hai 5 anos). Os inquéritos de Ipsos e The Times reducen ese apoio, mais danlle por riba do 46% dos votos. Os Laboristas manteríanse como segundfa forza, con entre 18 e 20% dos votos, ao nivel dos obtidos en 2011. Experimentarían unha suba dos conservadores, que do 11,8% que teñen poden aspirar a ter un 16% (Ipsos) ou 19% (The Times). A extrema-dereita populista británica do UKIP non obtería representación, pois non chegaría ao 3% e os Liberal/demócratas batallarían por superar o 5%.

Nas enquisas falla por coñecer o impacto, de o ter, de Rise, a coligazón de esquerda independentista anti-capitalista que vai concorrer a estas eleccións. En anteriores comicios ten habido espazo para esas propostas, mesmo atinxindo representación parlamentar. 

Comentarios