Educación, deporte e sancións: Portugal estrea o seu plan contra o racismo

Entra en vigor o primeiro Plano de Combate ao Racismo e à Discriminação do país, escenario no últimos meses de varios sucesos xenófobos.
EuropaPress_3259408_01_august_2020_portugal_porto_protesters_raise_their_fists_during_black
photo_camera Concentración no Porto para exixir xustiza pola morte do actor negro Bruno Candé, asasinado a tiros días antes (Foto: Rita Franca / SOPA Images)

O pasado 24 de marzo, a comisaria de Dereitos Humanos do Consello de Europa, Dunja Mijatović, chamaba a atención ao Estado portugués. Pedíalle maiores esforzos para "asumir o pasado de violacións dos dereitos humanos co fin de abater os prexuízos racistas contra as persoas de ascendencia africana", en referencia á transmisión da súa historia colonial, especialmente na educación.

Nos últimos meses producíronse numerosos sucesos racistas no país luso, froito da mistura de orgullo nacional por ese pasado de conquista e dun discurso chauvinista que explota a extrema dereita. O informe do Consello de Europa focalizaba no partido de extrema dereita Chega a denuncia sobre a retórica xenófoba: buscar culpábeis da mala situación socioeconómica nos que veñen de fóra ─nun país, ademais, que é tradicionalmente emigrante─.

Precisamente foi o Chega o que máis alzou a voz ante o Plano de Combate ao Racismo e à Discriminação que onte entrou en vigor en Portugal e que, por exemplo, contempla a diversificación dos currículos escolares, incluíndo os temas do colonialismo e da escravitude e dando aos "grupos discriminados" un lugar na historia.

"Coesão social e nacional"

O Goberno asume que "Portugal continua a ter problemas de racismo e xenofobia que precisam de ser mais bem conhecidos, enfrentados e combatidos", mais para o Chega o novo plan limita a liberdade de expresión "política e individual dos cidadãos usando como pretexto o fantasma do racismo na sociedade portuguesa".

O regulamento "tem como objetivo concretizar o direito à igualdade e à não discriminação como alicerce da democracia portuguesa", defende o Executivo do primeiro ministro, António Costa. E vai ir "além da proibição e da punição da discriminação racial", promovendo tamén "mais e melhores oportunidades para todos, sem discriminações, pela coesão social e nacional".

Concretamente, no aspecto educativo contempla cotas para o acceso ás universidades de alumnado de escolas desfavorecidas, as TEIP. As escolas de Territórios Educativos de Intervenção Prioritária ─programa educativo instaurado en 1996─ localízanse en lugares marcados pola pobreza e pola exclusión social, que lideran as taxas de a violencia, abandono e fracaso escolar. A súa poboación é maioritariamente negra ou xitana, aínda que en Portugal os censos non recollen a orixe étnico-racial.

Para o curso 2022-23 reserváronse 500 prazas no ensino superior e en cursos técnicos superiores de formación profesional, que irán aumentando até 2025, último ano do actual ─e primeiro─ Plano Nacional de Combate ao Racismo e à Discriminação de Portugal.

Ademais dos aspectos educativo ou xudicial ─cun "robustecimento do sistema sancionatório"─, o plan tamén inclúe medidas a desenvolver nos campos laboral, sanitario, deportivo, dos medios de comunicación ou da vivenda. Por exemplo, promover unha maior diversidade entre os traballadores públicos; a integración a través dos clubs e competicións deportivas; ou a emisión en aberto da canle de TV RTP África.

Denuncia en Portugal do "projeto genocida do Governo Bolsonaro"

"Os números são alarmantes. A fome avança e a insegurança alimentar já atinge mais da metade dos lares brasileiros", denuncian os centos de personalidades do mundo político, académico, das artes e da cultura, así como entidades da sociedade civil portuguesa no "Manifesto Portugal denuncia Bolsonaro Genocida" dentro dunha campaña internacional polo impeachment do presidente brasileiro, Jair Bolsonaro

No foco ponse a xestión que o mandatario fixo da pandemia ─que deixa xa máis de medio millón de mortes─, mais tamén os ataques aos pobos indíxenas, as violacións de dereitos humanos e a criminalización de activistas. 

O manifesto foi presentado na cuarta feira nas redes sociais da Frente Internacional Brasileira Contra o Golpe e Pela Democracia (Fibra).

Comentarios