De pasado glorioso a ataques racistas: Portugal fronte á súa historia colonial

A comisaria de Dereitos Humanos do Consello de Europa, Dunja Mijatović, presentou onte o informe anual sobre Portugal. Entre outras cuestións, reclama ao Estado medidas adicionais, especialmente no ensino, para "asumir o pasado de violacións dos dereitos humanos co fin de abater os prexuízos racistas contra as persoas de ascendencia africana".
portugal_colonias
photo_camera Mapa exhibido na Exposição Colonial Portuguesa, que se desenvolveu no Porto no verán de 1934.

O pasado 15 de febreiro celebrábase en Sintra o funeral polo tenente-coronel Marcelino da Mata, o mais condecorado militar do Exército portugués e fundador da tropa de elite Comandos, falecido catro días antes vítima da Covid. Da Mata labrouse a carreira no Exército combatendo na guerra colonial en Guiné-Bissau. 

Logo de se coñecer o seu falecemento, o partido conservador Centro Democrático Social (CDS) solicitaba que se decretase o loito nacional. Respondía no Twitter a esta proposta Mamadou Ba, dirixente de SOS Racismo, cualificando o militar de "sanguinário". Un día despois, noutra entrada, catalogábao de "criminoso de guerra que não merece respeito nenhum".

Arredor de 15.000 persoas asinaron unha petición na Internet para que Ba  ─chegado a Portugal hai 23 anos procedente do Senegal─ fose deportado, e o ultradereitista Chega anunciou que presentaría unha demanda ante a Procuradoria-Geral da República por "ofender gravemente a memória de pessoa falecida", crime tipificado e castigado con até seis meses de cárcere.

Non era a primeira vez que Ba sufría un ataque, ao igual que moitos outros activistas portugueses nos últimos tempos. En agosto de 2020, el e outras persoas recibiron unha carta asinada por un grupo neonazi. "Informamos que foi atribuído um prazo de 48 horas para os dirigentes antifascistas e antirracistas incluídos nesta lista, para rescindirem das suas funções políticas e deixarem o território português", sinalaba a misiva.

Mais no caso de Da Mata non se trataba dunha cuestión de racismo, alegaron as persoas ofendidas polas declaracións de Ba: o militar, nacido en Guiné-Bissau ─país que lle prohibiu a entrada logo de certificar a súa independencia en 1974─,  era negro. 

Potencia escravista

Porque o pasado colonial continúa a ser un motivo de orgullo en Portugal. Mais a conexión entre colonialismo e racismo é moi forte. Tanto que a comisaria de Dereitos Humanos do Consello de Europa, Dunja Mijatović, pediu onte ao Estado portugués que adopte unha nova perspectiva á hora de transmitir a súa historia colonial, especialmente na educación. "Son necesarios maiores esforzos para que Portugal asuma o seu pasado de violacións dos dereitos humanos para abater os prexuízos racistas contra as persoas de ascendencia africana, herdados dun pasado colonial e un comercio de escravos histórico", sinala o informe anual do principal organismo europeo sobre dereitos humanos.

Portugal foi o primeiro país do mundo en comerciar globalmente con escravos capturados en África. Entre 1450 e 1900, traficou con até 11 millóns de persoas, segundo recolle Arlindo Manuel Caldeira no libro Escravos em Portugal - Das Origens ao Século XIX. No século XVII, case 10% da poboación era de orixe africana. En 1761 o Marquês de Pombal asinou un decreto prohibindo a chegada de máis escravos a Portugal, mais a escravitude non se aboliu até moito despois.

Segundo datos do Serviço de Estrangeiros e Fronteiras recollidos por Público, en 2020 había 590.348 cidadáns estranxeiros con permiso de residencia, a maioría do Brasil. Angola e Cabo Verde tamén achegan unha gran porcentaxe. Cómpre ter en conta que a lei da nacionalidade lusa privilexia o dereito de sangue (jus sanguinis), polo que a maioría dos africanos negros en Portugal manteñen a nacionalidade de orixe. O Goberno está a elaborar neste 2021, ano de censo decenal, o primeiro rexistro sobre a orixe étnica da cidadanía portuguesa.

Ademais do Brasil, en América; ou Goa, Macau e Timor-Leste, en Asia; as colonias portuguesas en África foron Angola, Cabo Verde, Guiné-Bissau, Moçambique e São Tomé e Príncipe. O ditador portugués António de Oliveira Salazar lanzou en 1961 a Guerra colonial en África para combater os movementos anticolonias, até que o 23 de abril de 1974, coa Revolução dos Cravos, caeu o Estado Novo.

O racismo, sen cancelas

A mistura de orgullo nacional por ese pasado de conquista e de discurso chauvinista que explota a extrema dereita son o caldo de cultivo para os sucesos racistas dos últimos meses, segundo o informe do Consello de Europa, que focalizou no Chega a denuncia sobre retórica xenófoba: buscar culpábeis da mala situación socioeconómica nos que veñen de fóra ─nun país, ademais, tradicionalmente emigrante─.

Segundo o informe presentado a pasada sexta feira pola Comissão para a Igualdade e Contra a Discriminação Racial (CICDR), en 2020 houbo 655 denuncias, un aumento de 50% con respecto ao ano anterior. A secretária de Estado para a Cidadania e a Igualdade, Rosa Monteiro, da que depende a CICDR, sinalou que a cifra oficial dista moito do número real de casos, máis elevado, informou Observador.

Os máis coñecidos, por seren recollidos polos  medios, son o de Mamadou Ba. Ou a petición do Chega de expulsar do país a deputada negra Joacine Katar. Ou o asasinato a tiros do actor Bruno Candé. Mais hai moitos outros de cidadáns anónimos. E non só afrodescendentes. 

Por exemplo, citou Monteiro, a cidadá chinesa que a veciña chama sempre "o vírus da China"; os anuncios de alugueiros de casas só para portugueses; os seguimentos en supermercados a xitanos; ou o uso reiterado da expresión "vai para a tua terra".

Unha 'Plantação' no centro de Lisboa para evocar a escravitude

O céntrico Campo das Cebolas de Lisboa acollerá a partir desta primavera a obra escultórica Plantação – Prosperidade e Pesadelo, do artista angolano Kiluanji Kia Henda. O proxecto foi seleccionado para constituír o Memorial de Homenagem às Pessoas Escravizadas. Trátase dunha plantación de 540 canas de azucre feitas de aluminio negro, de tres metros de altura cada unha. A iniciativa partiu de Djass – Associação de Afrodescendentes e está financiada pola Câmara Municipal da capital lusa.

Comentarios