Ecoloxistas piden en Madrid prohibir os voos curtos

O ambientalismo demanda fomentar os camiños de ferro para reducir as emisións contaminantes. 
Stay Grounded responsabiliza os avións de 8% das emisións de CO2 (Imaxe: Eduardo Parra / EP)
photo_camera Stay Grounded responsabiliza os avións de 8% das emisións de CO2 (Imaxe: Eduardo Parra / EP)

Reducir o tráfico aéreo eliminando os traxectos curtos, penalizar as persoas viaxeiras frecuentes e máis adiñeiradas, fomentar alternativas de transporte como o ferrocarril e eliminar privilexios ao sector aéreo son medidas que conforman o paquete de propostas presentadas no día de onte pola ONG española Ecoloxistas en Acción, co obxectivo de reducir as emisións de CO2 que causan os avións. 

"Decrecemento da aviación: a redución do transporte aéreo de maneira xusta" é o título do novo informe elaborado pola rede Stay Grounded e presentado onte por Ecoloxistas en Acción. Nel analízase o impacto no planeta que provoca a nivel global a aviación.

"A única forma de diminuír o impacto do sector é reducir de maneira significativa o número de voos", sinala o estudo

A ONG alerta ademais de que, de non mudarse o paradigma de hábitos e consumos, o transporte aéreo podería multiplicarse por oito para o ano 2050, xa que na actualidade a aviación é o único medio de transporte cuxas emisións de gases de efecto invernadoiro continúan a medrar.

"A única forma de diminuír o impacto do sector é reducir de maneira significativa o número de voos", sinala o estudo, onde se responsabiliza os avións de xerar entre 5 e 8% das emisións totais de CO2 a nivel mundial.

Ademais de dióxido de carbono, os avións emiten outros elementos nocivos como o metano, ozono, estelas e nubosidade inducida, que ten un impacto climático peor que o propio dióxido de carbono, din as ecoloxistas.

Desde a ONG demandan rematar coas políticas de "trato de favor ás compañías aéreas" a través dun imposto ao queroseno, un IVE igual que o doutros medios de transporte, estabelecer un imposto ao carbono e crear unha taxa aos billetes en función da distancia percorrida. Propoñen así acabar co "sistema de privilexios da aviación" que pon en situación de desvantaxe outras formas de transporte máis sostíbeis. Mostra delas son os baixos prezos dos voos debido ás numerosas exencións fiscais en todo o mundo e, especialmente na Unión Europea, denuncian desde a ONG.

A cuarta das medidas pasaría por fomentar alternativas ao avión, sobre todo cun investimento en infraestrutura ferroviaria. O informe lamenta ademais o desmantelamento da rede de camiños de ferro nocturnos en Europa durante os últimos anos e pide que se recupere e se melloren as conexións.

Comentarios