Sheinbaum vs Gálvez: dúas mulleres disputarán por primeira vez a Presidencia de México

Claudia Sheinbaum será a candidata de Morena, a formación do actual mandatario, Andrés Manuel López Obrador, que non repetirá en 2024. E como cabeza visíbel das tres principais forzas da oposición —PAN, PRI e PRD—, agrupadas no Frente Amplio, estará Xóchitl Gálvez.
Á dereita, Claudia Sheinbaum, de Morena; á esquerda, Xochitl Gálvez, de Frente Amplio por México. (Fotos: Europa Press)
photo_camera Á dereita, Claudia Sheinbaum, de Morena; á esquerda, Xochitl Gálvez, de Frente Amplio por México. (Fotos: Europa Press)

Claudia Sheinbaum e Xóchitl Gálvez. Estas dúas dirixentes políticas serán as grandes protagonistas das eleccións nas que a cidadanía mexicana decidirá, en xuño de 2024, a nova presidenta. O actual mandatario, Andrés Manuel López Obrador, que na cita coas urnas de 2018 venceu con máis da metade dos votos, non se presentará á reelección e será substituído por Sheinbaum na papeleta do Movimiento Regeneración Nacional (Morena).

"A unidade é fundamental. As portas sempre están abertas e nunca se van fechar. Hoxe gañou a democracia, hoxe decidiu o pobo de México e son a coordinadora nacional de defensa da transformación", proclamou a candidata de Morena, que foi elixida con 39,3% dos sufraxios emitidos, por diante do que ex ministro de Exteriores, Marcelo Ebrard, que ficou con 25,9%.

Por detrás da antiga xefa de Goberno de Cidade de México posicionáronse nestas primarias o que fora ministro de Gobernación con López Obrador, Adán Augusto López, con 11,7% dos apoios; o ex deputado Gerardo Fernández Noroña, con 12,2%, e os ex senadores Manuel Velasco, con 6,5%, e Ricardo Monreal, con 6,3%.

Após coñecerse o resultado, o presidente de Morena, Mario Delgado, pediu "unidade" dentro da formación de AMLO para "dar continuidade ao proceso de transformación". "Foi un proceso histórico e inédito do cal saímos avantes e, sobre todo, coa certeza de que se escoitou a vontade do pobo", engadiu.

Os de 2024 serán os primeiros comicios mexicanos aos que unha muller chega con serias opcións de vencer. E non será Sheinbaum a única, pois as principais forzas da oposición —Partido Acción Nacional (PAN), Partido Revolucionario Institucional (PRI) e Partido de la Revolución Democrática (PRD)—, agrupadas no Frente Amplio por México, designaron outra muller para lideralos, Xóchitl Gálvez.

Desde a capital, nun acto no que a acompañaron os líderes do PRI, Alejandro Moreno; o PRD, Jesús Zambrano, e o PAN, Marko Cortés, Gálvez oficializou a súa candidatura após ser nomeada "coordinadora" no marco dun proceso de selección interno que finalmente non culminou na convocatoria dunha consulta interna, prevista para o pasado 3 de setembro mais finalmente suspendida porque se retiraron, de forma progresiva, todos os demais aspirantes.

"A meta é moi clara, imos abrir as portas do Palacio Nacional, que levan cinco anos fechadas. Fecháronas con mentiras, con insultos, con odio. Fecháronas para todos os que non pensan como eles; non só a min, senón a vostedes, a millóns de mexicanos, pero imos volver abrilas coa verdade, coa esperanza, porque a esperanza xa cambiou de mans e agora é nosa", arengou a presidenciábel.

Gálvez non está formalmente afiliada a ningunha das formacións políticas ás que representa dentro dunha plataforma que xurdiu após concorreren por separado, na anterior cita de 2018, o PAN e o PRD por unha parte e o PRI por outra.

Comentarios