Dimite a primeira ministra de Francia pola polémica lei antiinmigración

Como posíbeis sucesores comezan a soar os nomes do ministro de Defensa, Sébastien Lecornu; o seu homólogo de Educación, Gabriel Attal, e o ex ministro de Agricultura, Julien Denormandie.
A primeira ministra de Francia, Elisabeth Borne. (Foto: Vincent Isore / Europa Press / Contacto)
photo_camera A primeira ministra de Francia, Elisabeth Borne. (Foto: Vincent Isore / Europa Press / Contacto)

O presidente de Francia, Emmanuel Macron, vén de aceptar a dimisión da primeira ministra Elisabeth Borne, motivada polo escándalo desatado no país a raíz da polémica aprobación da Lei de inmigración. Confirmouno na tarde desta segunda feira o Goberno francés nun breve comunicado, mentres o presidente Macron publicou unha mensaxe no seu perfil oficial da rede social X na que agradece a Borne os servizos prestados.

"O teu traballo ao servizo da nosa nación foi exemplar cada día. Puxeches en marcha o noso proxecto coa valentía, o compromiso e a determinación das mulleres. Con todo o meu corazón, grazas", dixo o mandatario. Como posíbeis sucesores comezan a soar os nomes do ministro de Defensa, Sébastien Lecornu; o seu homólogo de Educación, Gabriel Attal, e o ex ministro de Agricultura, Julien Denormandie.

O texto, impulsado polo Goberno de Macron co apoio da ultradereita de Marine Le Pen —e a oposición das forzas de esquerda—, dispón que as prestacións sociais estarán condicionadas a que as persoas estranxeiras leven polo menos cinco anos residindo en Francia, no canto de seis meses como até o de agora. En caso de ter traballo, rebáixanse os prazos, a entre tres e 30 meses, en función do subsidio.

Ademais, o borrador inclúe medidas de regularización de inmigrantes que poidan traballar en sectores con escaseza de man de obra, o endurecemento dos requisitos para a reunificación familiar, a recuperación do delito de estadía ilegal, a prohibición de ingreso de menores en centros de reclusión administrativa ou a retirada da nacionalidade para quen cometa delitos contra as forzas de seguridade.

Comentarios