Euskadi

Detidos Galder Barbado e Aitor Zelaia tras apareceren en Gasteiz antes dunha protesta contra o seu encarceramento

Foron condenados a catro anos de prisión pola Audiencia Nacional —nunha sentenza ratificada polo Supremo— por un delito de "depósito de armas e municións", malia que as súas defensas alegaron falta de probas no xuízo para tombar a presunción de inocencia e condenalos por tales feitos.
Galder Barbado e Aitor Zelaia, desde a balconada da Subdelegación de Defensa en Gasteiz. (Foto: Europa Press)
photo_camera Galder Barbado e Aitor Zelaia, desde a balconada da Subdelegación de Defensa en Gasteiz. (Foto: Europa Press)

Efectivos da Ertzaintza veñen de deter na tarde deste sábado Aitor Zelaia e Galder Barbado, condenados pola Audiencia Nacional a catro anos de cárcere por un delito de "depósito de armas e municións", após apareceren na balconada da Subdelegación de Defensa en Gasteiz (Euskadi), onde permaneceron durante máis de 90 minutos. Os axentes policiais procederon ao seu arresto ás 18.40 horas e conducíronos aos furgóns para trasladalos á comisaría. Sobre ambos os detidos paira unha orde de ingreso en prisión para cumprir a condena, ratificada polo Tribunal Supremo.

Zelaia e Barbado apareceron ao fío das 17 horas desta tarde na balconada da Subdelegación de Defensa, antes de iniciarse unha manifestación no seu apoio convocada pola plataforma Ankerkeria Stop, que tiña previsto comezar ás 18.30h xunto ao Museo Artium. Arredor das 17h, os dous condenados asomaron ao balcón do antigo Goberno Militar vestidos coas camisetas azuis utilizadas nos actos de protesta contra o seu encarceramento.

Os dous mozos colocaron tamén, na balconada, unha ikurriña e a bandeira de Nafarroa, mentres se cobgregaban diante do edificio oficial centos de persoas, coas mesmas camisetas, coreando consignas de apoio. A Ertzaintza desprazouse até o lugar e finalmente, após máis de hora e media, os ertzainas entraron na Subdelegación e accederon ao balcón para detelos.

A súa detención desenvolveuse entre berros de protesta das persoas alí presentes, aínda que non se rexistraron incidentes e a Ertzaintza non interveu. Os arrestados foron despedidos entre aplausos e consignas de ánimo.

Posteriormente, desprazáronse até a zona situada xunto ao museo Artium, onde ía dar comezo a manifestación, para mostrar a súa repulsa polos arrestos e iniciar a marcha con berros de apoio aos detidos e en contra da Ertzaintza e o PNV. Tanto a Zelaia como a Barbado comunicáranlles recentemente a orde de ingreso en prisión pola condena a catro anos por un delito de depósito de elementos para a confección de aparellos explosivos e incendiarios.

Foron condenados pola Audiencia Nacional por almacenar explosivos nun bidón atopado pola Ertzaintza na localidade arabesa de Durana, material que a Policía vinculou cos ataques rexistrados en varias oficinas dunha entidade bancaria en Vitoria. As súas defensas, porén, alegaron unha manifesta falta de probas para tombar a presunción de inocencia e condenalos por este delito.

Comentarios