Detidos dous membros dunha banda polo asasinato do fiscal que investigaba o asalto a un medio no Ecuador

Case 2.000 persoas foron arrestadas durante o estado de excepción.
O presidente do Ecuador, Daniel Noboa, nunha visita á sede da canle ‘TC’, na que se produciu o asalto dunha banda armada. (Foto: Presidencia do Ecuador).
photo_camera O presidente do Ecuador, Daniel Noboa, nunha visita á sede da canle ‘TC’, na que se produciu o asalto dunha banda armada. (Foto: Presidencia do Ecuador).

Dúas persoas que pertencerían ao grupo criminal Los Chone Killer, segundo o xornal El Universo, foron detidas hoxe no Ecuador pola súa participación horas antes no asasinato do fiscal César Suárez, que morreu ao recibir máis de 20 disparos en Guayaquil durante o día e cando se desprazaba sen escolta no seu coche.

Suárez investigaba o asalto dun grupo armado a pasada semana á canle pública TC Televisión, amais de varios atentados contra as forzas de seguridade. “E imposíbel non quebrarse pola morte dun compañeiro na loita contra a delincuencia organizada. Seguiremos firmes no seu nome”, proclamou a fiscal xeral, Diana Salazar.

Un familiar da vítima que se negou a facilitar a súa identidade por temor a represalias indicou á axencia EFE que “o venderon”.

Fin da normalización

O asasinato produciuse cando a situación no país comezaba a normalizarse nas últimas xornadas tras a militarización xerada pola declaración do estado de excepción e de conflito armado interno, co Goberno sostendo que os grupos criminais, que foron considerados terroristas, xa se repregaran por mor da ofensiva gobernamental.

Case 2.000 persoas foron arrestadas no territorio ecuatoriano após o inicio do estado de excepción, no que o Goberno do conservador Daniel Noboa sostén que levou a cabo 55 operacións contra grupos criminais.

Fuga de 'Fito'

A violencia no país intensificouse tras a saída do poder do progresista Rafael Correa en 2017, cunha nova escalada tras fuxir da prisión José Adolfo Macías Villamar, ‘Fito’, o principal líder criminal do país, na primeira fin de semana do ano.

Comentarios