Protestas en Catalunya pola detención de seis membros de Arran: "É un novo caso de represión"

A Policía española atribúelles os delitos de pertenza a grupo criminal, incendio, danos continuados, ultraxe á bandeira española, delito contra a integridade física e moral, delito ambiental e furto.
Protesta convocada pola CUP e Arran tras as detencións desta cuarta feira. (Foto: Arran)
photo_camera Protesta convocada pola CUP e Arran tras as detencións desta cuarta feira. (Foto: Arran)

Seis militantes da organización xuveil Arran e do Sindicat d'Estudiants dels Països Catalans (SEPC) foron detidos esta cuarta feira en Lleida pola Policía española no marco dunha operación xudicial que aínda segue en curso, malia que non se agardan, segundo a Policía, novas detencións. Están acusados de diferentes actos de "sabotaxe e boicot" e de queimar un exemplar da Constitución.

As detencións producíronse "sen aviso previo" e "sen notificarlles previamente que tiñan un proceso xudicial aberto", se ben teñen orixe nunhas investigacións "abertas meses atrás", segundo denunciou o colectivo de avogados Alerta Solidària. Para a portavoz de Arran, Marina Gispert, trátase dun "novo caso de represión política e policial" que "ten por obxectivo criminalizar e aleccionar" a mocidade organizada.

A modo de resposta, Arran e a CUP convocaron unha protesta esta quinta feira, ás 10 horas, ante os Xulgados de Lleida "á espera de que as persoas detidas pasen a disposición xudicial", o que previsibelmente sucederá entre esta quinta feira e a sexta.

Arran apuntou que se lles atribúen os presuntos delitos de pertenza a grupo criminal, incendio, danos continuados, ultraxe á bandeira española, delito contra a integridade física e moral, delito ambiental e furto.

A organización precisou que "as seis mozas levaban un ano sendo investigadas". As detidas, que serían veciñas das comarcas do Pla d'Urgell e L'Urgell, foron trasladadas á comisaría da Policía Nacional de Lleida.

Non son estas as primeiras detencións por cuestións semellantes, pois desde o referendo do 1 de outubro de 2017 leváronse a cabo diferentes operacións por orde xudicial por protestas con "actos vandálicos" de grupos afíns ao independentismo catalán.

En setembro de 2020, por exemplo, a Garda Civil detivo de madrugada catro persoas, entre elas un concelleiro da CUP, acusadas de tratar de cortar as vías do AVE en Lleida nun acto de sabotaxe coincidindo coa celebración da Diada en Catalunya.

Comentarios