Descobren unha presunta trama de espionaxe da CIA ao ex presiente do Ecuador, Rafael Correa

As escoitas terían sido ofrecidas ao mandatario Lenín Moreno, logo do seu distanciamento con Rafael Correa.

O ex presidente de Ecuador, Rafael Correa durante unha conferencia en Cidade de México (Foto: El Universal / Zuma Press / Contactophoto).
photo_camera O ex presidente de Ecuador, Rafael Correa durante unha conferencia en Cidade de México (Foto: El Universal / Zuma Press / Contactophoto).

Unha empresa de seguridade do Estado español usaría os seus equipos para espiar ao ex presidente do Ecuador, Rafael Correa, a pedido da Axencia Central de Intelixencia (CIA), segundo publican diferentes medios internacionais.

A investigación revelou que UC Global, que prestou os seus servizos á Embaixada de Ecuador en Londres, contiña arquivos no computador do dono da compañía, o ex militar David Morales, dunha presunta actividade de escoita de conversas de Correa con líderes da rexión como o brasileiro Lula da Silva, a arxentina Cristina Fernández e o uruguaio, José Mujica.

UC Global executaría ordes de espionaxe dadas pola CIA desde Estados Unidos (EUA) e sucedeu cando Correa xa deixara a presidencia de Ecuador no ano 2018.

Coñeceuse tamén que as escoitas serían ofrecidas ao entón mandatario ecuatoriano Lenín Moreno, após o seu distanciamento con Rafael Correa e a expulsión do xornalista australiano Julian Assange da embaixada en Londres, ocorrida no 2019.

Morales fora contratado polo Goberno de Correa para encargarse da seguridade desa sede diplomática, onde Assange estaba refuxiado. O ex militar encargou ao seu persoal que espiase as reunións do fundador de WikiLeaks cos seus avogados; pero tamén vixiou o presidente ecuatoriano.

Outras espionaxes

A investigación tamén revela que Morales espiaría as dúas fillas de Correa a través de virus informáticos instalados nos seus teléfonos en 2014, cando o líder ecuatoriano estaba aínda no Goberno e mentres as mozas estudaban en Francia.

Precisamente en 2020, Rafael Correa presentou unha querela contra Morales que foi admitida pola Audiencia Nacional e incorporada á causa na cal xa se investigaba a suposta espionaxe a Assange.

Comentarios