Os cárceres ecuatorianos, "almacéns de castigo" con centos de mortos no último ano

ONGs advirten que as persoas reclusas sofren un "trato inhumano degradante" por parte de organizacións criminais e mesmo da Policía. A saturación das prisións produce o amoreamento e a falta total de control de portas cara a dentro.
Diferentes organizacións denuncian as pésimas condicións dos cárceres ecuatorianos. (Foto: Juan Diego Montenegro / dpa)
photo_camera Diferentes organizacións denuncian as pésimas condicións dos cárceres ecuatorianos. (Foto: Juan Diego Montenegro / dpa)

A ONG Human Rights Watch (HRW) vén de denunciar máis de 350 asasinatos de persoas reclusas nos cárceres de Ecuador só no último ano e medio, algo que se debe principalmente, afirman, á "sobrepoboación e falta de control" nas prisións.

A organización ten documentados até sete masacres nas últimas semanas nos centros penitenciarios de Guayaquil, Latacunga, Santo Domingo e Cuenca, cun balance de centos de mortos e decenas de feridos. O último ataque, este mesmo mes, en Santo Domingo, con doce asasinatos.

"As deficientes condicións penitenciarias en todo o país, incluíndo o amoreamento, contribuíron a que nos cárceres se produzan masacres vencellados a leas entre cuadrillas", lamentan desde HRW.

As principais vítimas son persoas encarceradas por delitos menores

En moitos dos centros as persoas presas por delitos menores son "obrigadas a traballar para organizacións criminais" que extorsionan tanto aos propios reclusos como ás súas familias. No caso de se negaren, poden ficar sen produtos de primeira necesidade como "colchón, roupa de cama ou bens de saúde".

Cómpre lembrar a este respecto que o presidente ecuatoriano, Guillermo Lasso, declarou o estado de excepción en diferentes prisións do país para enviar efectivos militares e "controlar a situación".

Aliás, un informe dunha comisión de persoas expertas encargado polo propio Lasso concluíu que os cárceres de Ecuador son "almacéns de castigo" no canto de centros enfocados á rehabilitación, "por mor do seu enfoque punitivo e da falta de programas axeitados".

Mais non só as bandas condicionan o día a día nas prisións. O mesmo informe sostén que moitas das persoas presas sofren un "trato inhumano e degradante" por parte dos axentes de Policía e gardas do cárcere, alén da "falta de acceso" á atención médica.

Comentarios