Chile será o primeiro país do mundo cunha Constitución redactada de forma paritaria

A cidadanía chilena aprobou en referendo iniciar o proceso de elaboración dunha nova Constitución, que substitúa a vixente, de 1980, redactada durante o réxime militar de Augusto Pinochet. Este era o principal obxectivo das manifestacións que se iniciaron hai un ano en protesta polas fondas desigualdades sociais que vive o país.
EuropaPress_3392197_papeleta_plebiscito_chile
photo_camera Unha das dúas preguntas do "plebiscito de entrada" que se desenvolveu o pasado domingo en Chile (Francisco Castillo / Agencia Uno)

O órgano redactor da nova constitución de Chile será unha asemblea de 155 persoas elixidas exclusivamente para este fin e estará conformada de maneira paritaria por homes e mulleres, un feito único na historia política da humanidade. O Congreso aínda debate a posibilidade de que non teñan vencello con partidos políticos e cal será a cota reservada aos pobos orixinarios.

A elección dos representantes populares desenvolverase o 11 de abril de 2021. A partir de entón, terán noves meses ─prorrogábeis unha soa vez por tres meses máis─ para elaboraren o novo texto constitucional, que deberá contar co apoio de dous terzos dos integrantes desa asemblea.

Finalmente será sometido a un novo referendo ─con voto obrigatorio─ na segunda metade de 2022. En caso de ser rexeitado, a Constitución actual seguirá vixente, aínda que con varias reformas. É por iso que en Chile se deu en chamar "plebiscito de entrada" á votación do pasado domingo e "plebiscito de saída" ao que se desenvolverá dentro de dous anos. 

A Carta Magna que permanece vixente a día de hoxe, redactada durante o réxime militar de Augusto Pinochet (1973-1990), recibiu o apoio de 1.633.932 persoas, é dicir, 21,73% dos votos. Mentres que 5.885.721 persoas (78,27% dos sufraxios) manifestaron a súa vontade de que fose mudada. Os primeiros marcaron a opción do "Rexeito" na papeleta e os segundos a do "Aprobo" para a primeira das preguntas: "Quere vostede unha nova Constitución?".

A segunda cuestión é a que fai referencia á asemblea constituínte encargada da súa redacción. "Que tipo de órgano debe redactar a nova Constitución?" era a pregunta, con dúas opcións: "Convención Constitucional" e "Convención Mixta Constitucional". É dicir, unha asemblea composta 100% por cidadás e cidadáns ou unha outra conformada en 50% por membros do Parlamento e en 50% por cidadanía electa para tal fin. Só 20,94% dos votos foron para a segunda opción, cifra similar á obtida polo "Rexeito".

Ao pouco de se coñecer os primeiros resultados, a Praza Baquedano que separa o centro histórico de Santiago de Chile dos barrios máis acomodados da capital e que desde o estalido social de 18 de outubro de 2019 foi rebautizada "Praza Dignidade", comezou a ateigarse de xente.

"Un problema de clase"

Precisamente foron as ricas comunas de Las Condes, Vitacura e Lo Barnechea as únicas de Santiago onde gañou o "Rexeito". "Se nun curso de 10 estudantes oito pensan o mesmo e dous pensan outra cousa, non se pode dicir que o curso está polarizado. Se nunha granxa de 10 persoas hai oito que rompen as costas traballando e dous que non fan nada, non poden dicir que os traballadores da granxa están divididos. Se nun país oito de cada 10 persoas votaron para cambiar a Constitución creada en Ditadura que só beneficia os ricos, é un insulto á intelixencia dicir que o país está polarizado e dividido", reflexionaba nun editorial o xornal electrónico independente Gamba, desbotando a teoría de sectores da dereita que consideran que o país está partido pola metade.

Neste mesmo sentido se manifestou a ex candidata presidencial da formación de esquerdas Fronte Ampla, Beatriz Sánchez, reproducindo unha entrada no Twitter doutro usuario: "A votación de Las Condes, Vitacura e Barnechea deixa en claro que isto si é un problema de clase. Mentres máis rico se é, menos disposto a mudar o estado das cousas".

Pulando pola mudanza constitucional estiveron organizacións sociais e partidos do arco ideolóxico da esquerda. Mais tamén forzas políticas que transitan entre o centro e o conservadorismo. O presidente Sebastián Piñera, que cualificou de "guerra" o enfrontamento cos manifestantes no inicio das protestas de hai un ano, tamén subiu ao carro da vitoria neste referendo ao que sempre se opuxo. "Este plebiscito non é a fin. É o comezo dun camiño que xuntos deberemos percorrer para acordar unha nova Constitución para Chile", sinalou.

A Constitución de 1980, malia ser obxecto de varias reformas, arrastra até hoxe o apelido de 'pinochetista'. Porque para os manifestantes da chamada "revolución dos 30 pesos", pola suba no billete do metro en Santiago, é orixe das fondas desigualdades sociais no país.

Condenado a 11 anos o chileno-estadounidense que disparou contra un grupo de manifestantes

A xornada histórica do domingo en Chile coincidiu con outro feito relacionado coas protestas nas rúas deste último ano. A xustiza chilena sentenciou neste mesmo día a 11 anos de prisión o cidadán estadounidense nacionalizado chileno John Cobin, que disparou contra varios manifestantes o 10 de novembro en Reñaca, localidade da rexión de Valparaíso, no centro do país.

No momento do altercado, que se fixo viral a través de varios vídeos compartidos nas redes sociais, John Cobin vestía un chaleco amarelo, símbolo dun movemento nacido en oposición ás protestas da "revolución dos 30 pesos". Nas imaxes pódese apreciar como o xa condenado descende dun vehículo e comeza a disparar indiscriminadamente contra os manifestantes que estaban a danzar de forma festiva nese instante. 

Comentarios