O pobo Mapuche reivindica a súa lingua e o beneficio da terra

O coordinador do Movemento Autonomista Mapuche, Héctor Cumilaf, participou hoxe nos "Diálogos desde a periferia" organizados pola Fundación Galiza Sempre.
Héctor Cumilaf, coordinador de Wallmapuwen. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Héctor Cumilaf, coordinador de Wallmapuwen. (Foto: Nós Diario)

O coordinador de Wallmapuwen (Movemento Autonomista Mapuche) Héctor Cumilaf falou esta quinta feira da realidade dese pobo chileno e dos paralelismos existentes coa Galiza no foro "Diálogos desde a periferia". Baixo o título 'A loita mapuche. Contra a represión e pola participación política en Chile', o activista explicou que o feito de que o pobo mapuche quixese comezar a participar da política supuxo "unha represión brutal".

Nunha conversa coa portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, Cumilaf reflexionou sobre a visión que ten agora a sociedade chilena deste pobo e doutras comunidades indíxenas. "A xente comprendeu a violencia coa que actúa o Estado cando se cuestiona o modelo como fixo o pobo mapuche", sinalou.

Nese sentido, asegurou que houbo asasinatos e agresións e mesmo se procuraron pistas "falsas" para xustificar algúns actos da policía chilena.

Así mesmo comentou que malia toda a loita aínda non está asegurada a presenza real do movemento na política do país e que esta semana é de vital importancia para acadar acordos.

"A dereita quere que haxa só 15 cupos para todos os pobos indíxenas, dos que o mapuche tería seis" pero non hai acordo ao respecto. Ao mesmo tempo "estase a presionar para que haxa escanos reservados".

Nas palabras de Cumilaf descubríronse certos paralelismos coa Galiza, nos que incidiu a nacionalista nas súas preguntas. O coordinador aludiu á negativa a que o pobo aproveitase os ríos e as grandes plantacións, por estar en mans de empresas. Reivindicou o dereito de aproveitamento da auga e as terras que terían as persoas que viven nesas contornas.

Igualmente lamentou que se loitara co idioma cando era "lingua vehicular" e "dominante" na zona até o século XIX. "Pero Chile e Arxentina fixeron unha política para sacala e para que os mapuches mesmo se avergoñaran dela", remarcou, recordando que esa sensación prolongouse durante "polo menos dúas xeracións" e está comezando a cambiar.

Comentarios