A UE aproba por unanimidade as sancións a Rusia, que di que os Acordos de Minsk "xa non existen"

A Unión, dixo Josep Borrell, "ten aínda munición gardada" para "redobrar" a presión contra Moscova.
Josep Borrell, atendendo aos medios esta segunda feira (Foto: Mario Salerno / European Council).
photo_camera Josep Borrell, atendendo aos medios esta segunda feira (Foto: Mario Salerno / European Council / DPA).

Os ministros de Exteriores da Unión Europea (UE) aprobaron esta terza feira sancións contra os responsábeis do recoñecemento ruso das rexións separatistas, nun paquete que inclúe medidas financeiras, contra mandos militares e membros da Duma.

Tras unha reunión extraordinaria do Consello de Asuntos Exteriores en París, o Alto Representante da UE para Política Exterior, Josep Borrell, asegurou que os Vinte e sete chegaron a un acordo para dar unha "rápida resposta" á crise, e demostrou a súa "determinación" para responder de forma "robusta" ao recoñecemento das autoproclamadas repúblicas e o despregamento de tropas rusas no Donbass.

Segundo indicou o xefe da diplomacia comunitaria, a resposta europea "danará Rusia, e moito", e confirmou que o movemento está coordinado cos Estados Unidos, Reino Unido e Canadá.

"A gran violación que comete non sairá sen resposta e elevaremos o nivel de sancións substancialmente segundo o nivel de agresión rusa", avisou Borrell, asegurando que a UE ten aínda "munición" gardada para redobrar a presión contra Moscova se segue a súa "ameaza" contra Ucraína.

Quedan aínda moitas preguntas pendentes na crise no leste de Ucraína, dixo Borrell, indicando que só 30% do territorio das rexións ucraínas recoñecido por Rusia está en mans das entidades pro rusas.

O ministro de Asuntos Exteriores, UE e Cooperación do Estado español, José Manuel Albares, defendeu que coas sancións impostas a Rusia a Unión Europea demostrou que as súas advertencias non eran "simples palabras" e preveu que se hai unha agresión militar estas serán "masivas".

O Kremlin ve caducos os Acordos de Minsk

Noutra orde, o presidente ruso, Vladimir Putin, atribuíu a crise desatada en Ucraína ao "incumprimento por parte de Kiev" dos Acordos de Minsk, ao tempo que sinalou que os citados pactos "xa non existen" por mor dos últimos acontecementos.

"Os acordos son un conxunto de medidas que buscaban arranxar a situación no leste. Estivemos asistindo durante non sete, senón oito anos, a estas conversas. Fun un dos autores deses documentos e por iso quero subliñar que estabamos interesados en levar a cabo esas medidas, porque eran o resultado dun compromiso", apuntou.

Comentarios