Os EUA pasan ao ton bélico e xa falan dunha "invasión" rusa a Ucraína

A UE advirte de "duras sancións" se Rusia non se retracta do seu recoñecemento ás repúblicas de Donetsk e Lugansk e que suporá a despregadura de tropas rusas na rexión do Donbass para desenvolver "misións de paz", segundo o Kremlin.
O presidente dos EUA, Joe Biden, nun acto decorrido en Atlanta a comezos de febreiro (Foto: Brian Cahn / ZUMA Press Wire).
photo_camera O presidente dos EUA, Joe Biden, nun acto decorrido en Atlanta a comezos de febreiro (Foto: Brian Cahn / ZUMA Press Wire).

A tensión en Ucraína segue a medrar tras o anuncio desta segunda feira do presidente da Federación Rusa, Vladimir Putin, sobre o recoñecemento oficial que o país vén de outorgar ás repúblicas populares autoproclamadas en Donetsk e Lugansk, na rexión ucraína do Donbass.

"Os que tomaron o camiño da violencia, o derramamento de sangue e a anarquía non recoñeceron nin recoñecen ningunha outra solución ao problema do Donbass que non sexa a militar", dixo Putin. "Por tanto, creo que é necesario tomar a decisión longamente esperada de recoñecer inmediatamente a independencia e a soberanía da República Popular de Donetsk e a República Popular de Lugansk", sentenciou.

En consecuencia, autorizou o Ministerio de Defensa de Rusia a mobilizar tropas cara ao Donbass para cumprir funcións de "mantemento de paz", se ben fontes gobernamentales sinalaron que, "polo de agora", aínda non se despregaron efectivos na zona.

A resposta dos Estados Unidos (EUA) non tardou en chegar. O asesor adxunto de Seguridade Nacional da Presidencia, Jonathan Finer, apuntou esta terza feira nunha entrevista á CNN que este paso é "o comezo dunha invasión; a máis recente de Rusia a Ucraína".

Josep Borrell, responsábel de Política Exterior da Unión Europea (UE), matizou que, se ben "as tropas rusas están en solo ucraíno", non se trada dunha "invasión en toda regra".

Os altos mandos da UE instaron Putin a dar "marcha atrás" no recoñecemento da independencia destas dúas repúblicas e aseguraron que, en caso contrario, responderán "de maneira urxente" con duras sancións.

O Goberno de Belarús, pola súa parte, dixo "respectar" e "comprender" o decreto asinado polo presidente ruso e acusou a OTAN de "inflar" con armamento e tropas o Exército ucraíno.

E o Parlamento de Ucraína reclamou esta terza feira a Rusia que revogue o recoñecemento anunciado, ao tempo que incidiu en que se trata dun "acto de agresión" por parte de Moscú que "viola gravemente a soberanía e a integridade territorial de Ucraína".

Comentarios