A Convención contra o peor traballo infantil alcanza a categoría universal

Foi ratificada polo reino de Tonga, o último dos 187 membros da OIT que aínda non o fixera. Non obstante, aínda hai uns 152 millóns de nenas e nenos no mundo sometidos a explotación laboral.

2020080514444527066
photo_camera Unha das rexións do mundo onde ese risco é maior é América Latina (unicef.org)

A Convención sobre as Peores Formas de Traballo Infantil converteuse na primeira, en 100 anos de historia da Organización Internacional do Traballo (OIT), adoptada de forma universal por todos os membros do organismo, anunciou na cuarta feira, 5 de agosto, o seu director xeral, Guy Ryder.

A convención, adoptada en 1999 e que pide a eliminación de todas as formas de explotación infantil, incluíndo a escravitude e o traballo forzado, terá alcance universal despois de que o último dos 187 membros da OIT que aínda non a ratificara, o reino de Tonga, fixéseo a nivel nacional, explicou Ryder.

O histórico paso, subliñou, supón que "todas as crianzas do mundo se beneficiarán da protección legal" que se extrae da convención, tamén comprometida a eliminar o recrutamento de menores de idade en conflitos armados ou a súa explotación sexual.

Da teoría á práctica

Pese a este importante paso adiante, Ryder recordou que se calcula que aínda hai uns 152 millóns de nenas e nenos no mundo sometidos a explotación laboral, e case a metade, 73 millóns, en actividades de risco.

Máis de dous terzos destes menores traballan no sector agrario e en actividades familiares non retribuídas, explicou.

O máximo responsábel da OIT engadiu que a actual pandemia da Covid-19 "ameaza con reverter anos de progresos", dado que a perda de empregos e o incremento da precariedade de numerosas familias fará que "moitas buscarán formas suplementarias de lograr ingresos para sobrevivir, e nesas circunstancias a tentación de poñer a traballar os seus nenos aumenta".

Ryder sinalou que unha das rexións do mundo onde ese risco é maior é América Latina, onde se calcula que 5,3% dos menores de idade (máis de 10 millóns) exercen diferentes formas de traballo infantil ilegal.

Comentarios