Os conservadores de Alemaña fechan a porta a cooperar coa extrema dereita

As últimas enquisas sitúan AfD como segunda forza en intención de voto.
Friedrich Merz, presidente da CDU alemá. (Foto: Michael Kappeler / DPA).
photo_camera Friedrich Merz, presidente da CDU alemá. (Foto: Michael Kappeler / DPA).

“Non haberá cooperación con Alternativa para Alemaña (AfD, unha forza de extrema dereita)”, ratificou esta segunda feira Friedrich Merz,  líder da oposición e presidente da Unión Demócrata Cristiá (CDU), a principal forza conservadora do país no contexto da súa alianza coa Unión Social Cristiá de Baviera (CSU).

“Nunca dixen outra cousa”, insistiu Merz, tras a forte contestación no seo da formación a unhas declaracións súas que foron interpretadas como unha xustificación para unha potencial colaboración coa AfD no ámbito municipal. “O tema da cooperación coa AfD, prohibida por unha resolución dun Congreso da CDU, afecta aos órganos lexislativos”, detallara, apuntando ao respecto das vitorias da AfD en comicios municipais -en xullo conseguiu a súa primeira Alcaldía-, que “se trata de resultados democráticos que hai que aceptar e naturalmente hai que buscar camiños para as decisións municipais nos órganos competentes”.

Yvonne Magwas, vicepresidenta do lexislativo federal pola CDU, respondeu ao líder da formación que é “igual se é no Bundestag ou nun Concello, un ultradereitista sempre é un ultradereitista”, incidindo en que “o ultradereitista para un democratacristián sempre é o inimigo”.

20% de intención de voto

O primeiro ministro bávaro e presidente da CSU, Markus Söder, fixo fincapé en que rexeitan “toda cooperación coa AfD a calquera nivel”, cualificando a forza de extrema dereita como “antidemocrática” e “non compatíbel cos nosos valores”. As últimas enquisas colocan a AfD como segunda forza en intención de voto, na contorna de 20% dos sufraxios.

Comentarios